DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conciencia ecolóxica e o aproveitamento da contorna afiánzanse no campus

A Universidade énchese de tinturas, xabóns e ungüentos co obradoiro de cosmética natural

Dezasete participantes integran o grupo deste ano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 17/12/2018

“Diversidade” é o adxectivo que define este ano o Obradoiro de cosmética natural aproveitando a contorna, non só polas actividades que se realizan e os produtos que se crean, senón tamén polos seus participantes, obxectivos e intereses. Neste contexto, Patricia Puga, docente deste curso de Extensión Universitaria do primeiro cuadrimestre, pretende “facer que o alumnado vexa a cantidade de propiedades que ten o chan que estamos pisando, arrincando, desbrozando” á vez que intenta que as dezasete persoas que compoñen o grupo “aprendan a mirar todo o verde, e a pórlle nome e apelidos a cada planta así como a saber para que serven”.

A preocupación pola saúde e pola contorna son as motivacións principais dun grupo moi interesado nos contidos e que quere saber “como aproveitar os recursos e minimizar os danos que se causan botando ao medio ambiente produtos cheos de químicos coma o deterxente convencional ou o xabón tradicional”, asegura a profesora. Para completar este obxectivo, no que a natureza e a ecoloxía teñen o papel principal, o alumnado é responsable das súas creacións de comezo a fin e son eles mesmos os que antes de realizar as elaboracións van recoller e identificar as plantas, sempre e cando o tempo llo permite. Porén, nas ocasións nas que as condicións climatolóxicas imposibilitan a tarefa é a propia docente a que realiza este labor, que se intenta completar en sesións posteriores, pois tal e como indica Puga “se o tempo de outono non nos permite saír, intentamos facer logo unha ruta na que se poidan identificar esas plantas a fin de que o estudantado teña a oportunidade de aprender, palpar, identificar e tocar aqueles materiais cos que traballan”. 

Temática atraente e bo ambiente 

Ao longo das semanas de duración do curso, as e os participantes fixeron os seus propios oleatos, macerados e ungüentos e debateron sobre os tóxicos da cosmética convencional e as propiedades de produtos empregados na vida cotiá. Entre os produtos elaborados hai tamén cremas, desodorizantes, xabóns para hixiene, produtos de limpeza ou mesmo barras de labios. Xunto coa docencia práctica, tamén foron adquirindo coñecementos que poderán empregar na súa vida diaria aproveitando o medio natural.

Pero eles e elas non son os primeiros en aprender a elaborar estes enfeites e produtos do fogar, porque a cosmética natural é xa habitual dentro da oferta cultural ofrecida pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, grazas ao seu éxito e boa acollida entre o estudantado,  que este ano axudou a completar as prazas dun obradoiro que conta con participantes de ocupacións, idades e procedencias moi variadas.

Ante este éxito, Puga fai unha valoración con satisfacción e tamén certa vergoña e confesa que “me fai moita ilusión, pois aínda que é certo que a temática é moi atraente, a xente sempre nos di que veñen pola maneira en que contamos as cousas, polo que transmitimos e o equipo que facemos” ademais declara que “se vai correndo a voz e atopámonos con amizades de participantes doutras edicións ou obradoiros que impartimos, e iso fainos moi felices” explica. 

Malia que o obradoiro de cosmética natural ten como protagonista a contorna e o coidado do medio ambiente, outras alternativas como o taller de agricultura ecolóxica ou a identificación de cogomelos versan sobre esta mesma temática. Así e todo, a oferta universitaria do primeiro cuadrimestre non se limita a actividades de índole ambiental e inclúe outras alternativas tan diversas como a iniciación á maxia, o teatro ou a aula de música tradicional, que xa se están levando a cabo.