DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu este luns o acto público de renovación do convenio polo que se rexe

Universidade e Escola Naval Militar reafirman a súa colaboración a través da Cátedra Álvarez-Ossorio

A sinatura deste acordo coincide co seu 25 aniversario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/06/2022

Creada, ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, como un órgano de relación institucional para temas culturais, técnicos e humanísticos, a traxectoria da Cátedra Almirante-Álvarez Ossorio arranca en 1997, inicialmente ligada á antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), para ter como sede desde 2003 á Escola Naval Militar (ENM) de Marín. 25 anos despois do seu nacemento, UVigo e ENM reafirman a súa vontade de “manter e potenciar o desenvolvemento” da cátedra, a través da sinatura dun novo convenio entre a Universidade e o Ministerio, presentado publicamente este luns na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra

O obxectivo deste convenio é manter e regular o marco de funcionamento da Cátedra Álvarez-Ossorio, “a través da que a UVigo e a ENM buscan fomentar as súas relacións de colaboración e a promoción conxunta de temas culturais, técnicos humanísticos”, despois de que rematase a vixencia do asinado en 2003, segundo recolle o documento. Como un “acontecemento importante” para a institución académica presntou este “acto de sinatura simbólica da renovación da cátedra” o vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, á vez que o comandante director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona, puxo o acento nos 25 anos de traxectoria da cátedra. “Nun país no que moitas veces ás iniciativas perden impulso rapidamente, estamos celebrando un cuarto de século de actividade constante e de calidade”, salientou.

Unha cátedra que busca conectar á Armada coa sociedade 

Nun acto que contou coa participación de Antonio Álvarez-Ossorio, fillo do almirante que dá nome á cátedra, o vicerreitor salientou como nos últimos anos esta iniciativa “creceu día a día” ata converterse “nun referente”, albergando “conferencias, traballos de investigación e actividades culturais”. Nese senso, Soto destacou a importancia de que a cátedra vaia máis aló da organización de relatorios para “entroncar directamente con dúas pezas importantes para a ENM como son a sociedade de Marín e a Universidade de Vigo”. Neste mesmo aspecto incidiu Cardona, que destacou que o obxectivo da cátedra é contribuír o achegamento da Armada “á sociedade civil” e puxo de relevo a “calidade excepcional” dos conferenciantes que pasaron pola mesma ao longo destes 25 anos. Entre eles atopábanse “presidentes autonómicos e de empresas do Ibex 35, catedráticos, embaixadores...”, salientou Cardona, que puxo como exemplo as dúas actividades levadas a cabo nos últimos meses, unha conferencia sobre o valor turístico do Camiño de Santiago do hoxe presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e un debate sobre a “sociedade pospandémica” no que participaron o coronel na reserva e especialista en xeoestratexia Pedro Baños, o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal e a catedrática de Inmunoloxía da UVigo África González. 

25 anos de traxectoria

Como recolle o convenio, as orixes desta cátedra remóntanse a 1997, cando a UVigo e Defensa creaban esta cátedra na antiga ETEA, en Vigo. Adaptándose “ás novas circunstancias orgánicas da Armada”, en 2003 subscribiuse o acordo de colaboración, entre Defensa e a UVigo, para a creación desta cátedra na ENM ao que agora se suma un novo convenio para o seu mantemento, despois de que o acordo anterior rematase a súa vixencia, de acordo co disposto na Lei de Réxime Xurídico do Sector Público de 2015.