DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizan estas actividades máis de 2600 estudantes de grao e 1000 de mestrado

A Universidade establece medidas extraordinarias para facilitar as prácticas

O período temporal para finalizalas prolongarase, cando menos, ata o 11 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/04/2020

A situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 obrigou o pasado 13 de marzo a suspender temporalmente todas as actividades académicas presenciais na Universidade de Vigo, incluídas as prácticas académicas externas, nas que nese momento había matriculados máis de 2600 estudantes de grao e 1000 de mestrado. Ante esta situación a Universidade acaba de publicar unha resolución reitoral na que se establecen toda unha serie de medidas extraordinarias coas que facilitar, na medida do posible, a realización destas prácticas e, con elas, a presentación tamén dos Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado, “garantindo así que quen tivese previsto finalizar os seus estudos este ano o poida facer”, explica a vicerreitora de Estudantes, Natalia Caparrini.

Con esta resolución “búscase flexibilizar ao máximo as prácticas externas, de modo que todo o alumnado que tiña previsto facelas este curso teña diferentes opcións entre as que elixir”, explica a vicerreitora, quen salienta que estes días se responderon multitude de consultas, tanto de estudantes como dos coordinadores/as de prácticas dos centros, “e todas estas dúbidas quedan agora respondidas neste documento”.

Prácticas telemáticas e amplíase o prazo para as presenciais

Entre as principais medidas establecidas nesta resolución reitoral destaca o visto e bo a todas aquelas prácticas que se poidan realizar por medios telemáticos e o mantemento da suspensión para as presenciais ata que se poidan realizar en condicións sanitarias de normalidade e as institucións colaboradoras estean en disposición de acoller ao alumnado. Neste sentido, este curso o período das prácticas poderase estender ata o vindeiro 11 de setembro, deixando aberta a posibilidade de ampliar esta data no caso das prácticas curriculares consideradas esenciais no currículo do estudantado ou para defender os Traballos Fin de Grao e os  Traballos de Fin de Mestrado.

Nas presencias a duración redúcese á metade, sempre que se cumpran os obxectivos

 De cara a facilitar todo o proceso, as practicas presenciais consideraranse finalizadas –sempre que se acadasen os obxectivos formativos básicos- cando se teña realizado un 50% da súa duración, podendo completarse os créditos restantes, de ser necesario, con seminarios ou outras actividades.

No caso das prácticas obrigatorias nas titulacións que dan acceso a profesións reguladas, haberá que aterse ao que poida establecer para este efecto o Goberno do Estado. Neste senso hai que ter en conta que, do total de estudantes de grao cerca do 40% pertence á rama sanitaria (Enfermaría e Fisioterapia) e un 25% ao alumnado que desenvolve as prácticas en centros educativos, e para estes dous colectivos a continuidade do seu prácticum require de medidas particulares decretadas a nivel xeral.

Flexibilización dos requisitos para defender os TFG e TFM

A resolución reitoral emitida esta semana flexibiliza tamén os requisitos para defender os Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado. Ata agora para defender estes traballos o alumno ou alumna tiña que ter o resto de créditos superados e, tras esta resolución reitoral, poderán defenderse aínda que non se completase e superase o período de prácticas curriculares, unha medida que, tal e como subliñaba a vicerreitora, garante que o alumnado que tivese previsto finalizar este ano os seus estudos poida facelo.

No caso das prácticas curriculares optativas, o alumnado poderá escoller entre continualas, anular esta materia se non a precisa para rematar os estudos, ou solicitar a modificación a outra ou outras materias optativas do segundo cuadrimestre en número equivalente de créditos –xa está dispoñible en liña a solicitude para realizar este trámite-. Respecto ás extracurriculares, será tamén o propio estudante quen decida se continualas ou cancelalas.

No caso das bolsas de formación complementaria convocadas pola propia Universidade de Vigo, a institución aclara que todos os afectados continuarán percibindo a contía da bolsa e manteranse as obrigas coa Seguridade Social no período de gozo recollido na correspondente convocatoria.