DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha xornada reducida de 25 horas, os centros abrirán de 09.00 h a 19.00 h

A Universidade establece medidas de flexibilidade horaria e traballo non presencial para o seu persoal

O PDI poderá optar pola docencia virtual para minimizar o impacto no proceso formativo do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 13/03/2020

A Universidade de Vigo fixo público este venres o protocolo de suspensión da actividade académica tras a xuntanza do comité de seguimento da COVID-19, no que se recollen as indicacións básicas tanto para o PAS e o PDI como as medidas precisas para minimizar o impacto desta situación no proceso formativo do estudantado. O documento incide en que se suspende calquera tipo de actividade que supoña a presenza física do alumnado en dependencias da Universidade, aínda que se continuará coa formación académica virtual. Para facelo posible, a Vicerreitoría Organización Académica e Profesorado elaborou un documento de recomendacións sobre a forma de continuar a ensinanza non presencial e garantir o dereito do alumnado a ser avaliado.

O protocolo establece que se manteñen as obrigas do PDI e do PAS, que deben continuar prestando os seus servizos, pero priorizando medidas que permitan a conciliación da vida persoal e familiar, como a flexibilidade horaria e o fomento de non presencialidade. Ademais, implántase unha xornada reducida de 25 horas semanais, e os centros permanecerán abertos de 09.00 h a 19.00 h. O persoal poderá flexibilizar a súa xornada laboral dentro da franxa horaria indicada, sempre que cumpra coas súas obrigas dtendo prioridade as persoas que teñan ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes e se vexan afectadas, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores. Todas estas medidas foron acordadas cos sindicatos ao longo da xornada de hoxe. 

Dende o equipo de goberno insisten tamén na responsabilidade individual e colectiva dos membros da comunidade universitaria, aos que solicitan que sigan “escrupulosamente as recomendacións das autoridades sanitarias”. Atendendo a elas, o Consello de Goberno do vindeiro martes 17 celebrarase no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con maior aforamento, para poder respectar os espazos de separación recomendados entre as persoas. 

Actividades suspendidas

O protocolo tamén establece que tipo de actividades se suspenden e que medidas de restrición se implantan. Por exemplo, procédese ao peche de aulas e laboratorios e á limitación de acceso a salas de estudo e bibliotecas, ás que tan só poderá acceder o PDI para realizar actividades de investigación e persoal propio do servizo. Ademais, para todos os libros que se debían devolver ao longo das dúas próximas semanas, amplíase o prazo ata o 15 de abril. 

A defensa de TFG, TFM e teses de doutoramento non se poderán realizar de forma presencial; suspéndense as saídas de campo, as actividades deportivas, culturais e de extensión; os cursos e actividades programadas en espazos da UVigo para persoas alleas á comunidade universitaria; a actividade presencial das e dos bolseiros de colaboración da UVigo; as prácticas curriculares e extracurriculares; e as actividades formativas presenciais para o persoal da UVigo. 
 
Finalizado o período de suspensión, a Universidade tratará de reprogramar todas as actividades académicas que resultasen afectadas, garantindo en todo caso o dereito de avaliación do estudantado, incluíndo ao alumnado de mobilidade. 

A actividade docente non presencial continúa

A suspensión da docencia durante estes 14 días afecta unicamente ás actividades presenciais, polo que a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado acaba de facer públicas unha serie de recomendacións para minimizar o impacto desta situación e garantir o dereito de avaliación do alumnado.

Neste sentido, avógase por redefinir as diferentes actividades formativas e de avaliación pendentes ata o fin do cuadrimestre, de xeito que a nova programación de actividades deberase comunicar a todo o alumnado matriculado a través de FAITIC, onde terán acceso á información de todos os contidos dos que van ser avaliados. 

O PDI seguirá cumprindo os horarios oficiais de clase aprobados polos centros para as seguintes actividades non presenciais, como a emisión de clases por streaming, no caso do profesorado que dispoña dos medios necesarios para utilizar esta modalidade de docencia e decida utilizala e as titorías, que se realizarán por medios telemáticos (correo electrónico, videoconferencia ou foros de FAITIC).  As sesións de prácticas de laboratorio, as probas e exames parciais substituiranse por outras actividades que poidan ser realizadas sen presencialidade física como poden ser exercicios, test, exercicios de autoavaliación ou resolución de casos prácticos “que permitan comprobar a adquisición de coñecementos e competencias por parte do alumnado”. A vicerreitoría tamén recomenda elaborar e facer chegar ao alumnado unha guía detallada e estruturada por sesións diarias de cada materia, que lle permita autoorganizarse e manter o ritmo de progreso adecuado no proceso formativo durante o período de suspensión de actividades presenciais. No caso de que algunha actividades programada (sesións prácticas, exames parciais, probas, ...) se considere imprescindible, debe comunicarse á dirección ou decanato do centro, para elaborar unha programación, na medida das posibilidades e recursos dispoñibles, de ditas actividades unha vez se retome a actividade presencial. 

O alumnado, só nos campus para casos estritamente necesarios

Por outra banda, a institución académica tamén fai fincapé na importancia da responsabilidade social e colectiva e recomenda ao estudantado seguir as indicacións de minimizar a actividade social presencial e non acudir aos campus “a non ser que sexa estritamente necesario para realizar algunha xestión”. Neste caso, tamén se recomenda informarse da posibilidade de realizar os trámites de xeito telemático e tamén sobre os horarios, xa que a atención ao público pode estar restrinxida. Tamén se lles lembra que, de dar positivo por COVID-19, débese comunicar no enderezo sprl@uvigo.es, para que a Universidade poida tomar as medidas pertinentes. 

Toda a información oficial da Universidade de Vigo e as medidas que se adopten para facer fronte a esta situación de crise pola COVID2-19 iranse actualizando a través da web e as redes sociais.