DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cifra de persoas matriculadas supera a día de hoxe as 60 

A Universidade estende o asesoramento para persoal orientador aos tres campus

As xornadas comezarán o vindeiro venres en Ourense e continuarán en Pontevedra e Vigo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/01/2020

Ourense será o vindeiro venres 17 de xaneiro o primeiro campus da Universidade de Vigo en acoller as xornadas de asesoramento para persoal orientador, organizadas pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que continuarán o 24 de xaneiro en Pontevedra e rematarán o 31 do mesmo mes en Vigo. Dirixidas especificamente a equipos de orientación e a equipos directivos de centros de educación secundaria, as xornadas, “que deixaron de facerse hai anos, consideramos que é unha acción fundamental para actualizar e informar a orientadoras e orientadores sobre a nosa oferta académica e sobre o procedemento de acceso”, explica Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado, que destaca a novidade, respecto de edicións anteriores, de realizar unha sesión en cada campus. “A nosa universidade está conformada por tres campus e o feito de organizar as xornadas nos tres parte da nosa vocación por favorecer a asistencia, tendo en conta as condicións de proximidade xeográfica das persoas inscritas”, explica.

A día de hoxe máis de 60 orientadoras e orientadores xa están matriculados nas xornadas nas que se lles trasladará información sobre as novidades da ABAU, o proceso de inscrición e matrícula, así como a oferta de titulacións, servizos e instalacións da Universidade de Vigo. “Asemade, exporemos algunhas das actividades de orientación proxectadas para este ano, como a XOU ou as xornadas de portas abertas e darémoslles toda a información en formato dixital para que lla podan trasladar aos seus alumnos”, explica Rodríguez Barcia.

As e os nosos mellores aliados na captación de alumnado

Ante a boa acollida que as xornadas están a ter entre as e os orientadores, a directora da Área de Captación de Alumnado confirma a disposición da Universidade de darlle continuidade “e traballar máis aínda nesa relación co persoal dos institutos e centros de secundaria, que han ser os nosos mellores aliados na captación de alumnas e alumnos”.

Para Rodríguez Barcia é evidente que cada día a formación e interese dos equipos de orientación en Bacharelato son maiores, ao tempo que lembra a responsabilidade que supón que do seu asesoramento dependan, moitas veces, as escollas do futuro alumnado universitario. “Con todo, por suposto, queda moito por facer para achegar a universidade aos institutos, polo que é preciso insistir no traballo conxunto, non só como actividades como esta senón tamén con proxectos STEM e outras accións de divulgación destinadas a este estudantado universitario”, sinala a directora da Área de Captación de Alumnado. 

As xornadas desenvolveranse entre as 10.00 e as 13.00 horas, na Facultade de Ciencias en Ourense; no salón de actos da EE Forestal en Pontevedra e na sala I do edificio Miralles en Vigo.