DUVI

Diario da Universidade de Vigo

X.H. Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio, nomeados académicos correspondentes

A Universidade estréase na Real Academia Galega cun 'triplete'

Foron seleccionados para traballar en temas de toponimia e sociolingüística

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 23/01/2012
Por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega da Lingua pon os seus ollos na Universidade de Vigo na procura de novos académicos e faino por partida tripla. O plenario da institución fixo público o nomeamento do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas e dos profesores Gonzalo Navaza e Antón Palacio, que se incorporan á academia “para robustecer a sección de lingua e traballar en temas como a toponimia, a gramática, a onomástica ou a sociolingüística”, segundo explicou Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da RAG e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Estes tres docentes incorpóranse como académicos correspondentes xunto con Ana Isabel Boullón, profesora da área de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Xosé Henrique Costas explica que esta é a primeira vez que un profesor da Universidade de Vigo entra na RAG “e de golpe entramos tres”, un motivo de fachenda e satisfacción pero tamén unha constatación “do nivel científico do noso ámbito humanístico que non lle ten nada que envexar a outros; isto significa que hai magníficos investigadores que son recoñecidos nacional e internacionalmente en todas as ramas do saber. Somos unha universidade nova pero con moita potencia, e aínda teremos máis porque se están a facer ben as cousas dentro da época que atravesamos”, apunta Costas.

Os tres novos académicos pertencen ao Departamento de Filoloxía Galega e incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da RAG. Gonzalo Navaza e Antón Palacio farano no Seminario de Onomástica mentres que Costas traballará no Seminario de Sociolingüística.

Un recoñecemento e unha responsabilidade

A traxectoria destes tres docentes e investigadores está respaldada por anos de traballo, múltiples publicacións e diversos recoñecementos públicos. Xosé Henrique Costas é especialista na sociolingüística das linguas europeas minorizadas e, en especial, ten estudado a situación do galego exterior, o de Asturias, León, Zamora e Cáceres. Tras o seu paso pola dirección da Área de Normalización Lingüística da Universidade, ocupa na actualidade a vicerreitoría de Extensión Universitaria. En 2009 publicou 55 mentiras sobre a lingua galega, unha obra que recolle 55 das ''miles de falacias'' que se contan sobre o galego, sendo unha das máis vendidas en Galicia durante meses. Ten publicado tamén diversos traballos sobre linguas minorizas como Escolma de poesía berciana en lingua galega ou unha Guía das linguas de Europa así como unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro no seu XXV cabodano.

Sobre o nomeamento incide en que “é un orgullo, unha honra e unha gran responsabilidade entrar a formar parte da máxima institución cultural do país, unha institución xa centenaria que lle debemos a Curros, Murguía e tantos outros, unha institución que sobreviviu ao franquismo e que hoxe se afianza como o centro difusor do saber en lingua galega e como institución que defende a lingua contra os ataques que vén sufrindo nos últimos anos”.

Pola súa banda, Gonzalo Navaza é experto en toponimia, antrotoponimia e onomástica ademais de desenvolver unha prolífica carreira como escritor e poeta, con títulos como Erros e Tátanos, A torre da derrotA ou Libra, que lle valeu o premio Martín Códax e o Premio da Crítica Española no ano 2000. É autor tamén de varios estudos sobre toponimia, por exemplo, de Catoira, Redondela ou Saiáns e de traducións de autores como Jack London, Daniel Defoe ou Charles Baudelaire. Xunto con Antón Palacio e Ana Isabel Boullón, Navaza forma parte da Comisión de Toponimia e amósase "satisfeito polo nomeamento" e tamén por ser os primeiros académicos que pertencen á Universidade de Vigo. No seu caso ten clara a liña de traballo a desenvolver, "continuar co diccionario de apelidos galegos" que están preparando.

Pola súa banda, o catedrático Antón Palacio, covalecente tras unha recente operación, foi director do Servizo de Publicacións da Universidade e é membro da Comisión de Toponimia da Xunta. O profesor participou na elaboración de diverso material docente para o ensino e é membro fundador da Asociación de Tradutores Galegos.