DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura este luns dun convenio de colaboración

A Universidade estreita lazos coa Federación Galega de Fútbol

O colectivo arbitral empregará as instalacións deportivas dos campus e proporcionará apoio técnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Reitor
  • Deportes
D. Besadío DUVI 12/11/2018

O reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, asinaron este luns un convenio de colaboración no que ambas institucións se comprometen á promoción conxunta da práctica do fútbol e o fútbol sala entre a comunidade universitaria e a poboación pre-universitaria do sur de Galicia.  A sinatura deste acordo traducirase desde este mesmo curso na posta en marcha dun amplo programa de actividades, entre as que destacan a organización de diferentes competicións universitarias, así como a preparación conxunta de diferentes eventos formativos e cursos de arbitraxe, prácticas ou adestramentos de árbitros federados, entre outras.

O convenio responde a "unha demanda histórica do colectivo arbitral"

“Estamos tremendamente satisfeitos coa sinatura deste convenio”, recalcou o reitor, Manuel Reigosa, quen fixo fincapé na importancia que dende o goberno universitario se lle quere dar ao deporte como parte fundamental da formación integral do alumnado. “É unha das mellores maneiras de transmitir á comunidade universitaria todos eses valores que se comunican a través do deporte, desde a  capacidade de esforzo ata o valor do traballo en equipo”, destacou Reigosa, cuestións ás que o responsable da federación galega, Rafael Louzán, engadiu que coa sinatura desde convenio se dá resposta a unha demanda histórica do colectivo arbitral, “xa que a partir de agora teremos á nosa disposición as excelentes instalacións deportivas da Universidade e, ao tempo, poderemos colaborar coa institución nas distintas competicións da súa programación deportiva”.

Segundo se establece no acordo, a Real Federación Galega de Fútbol proporcionará o asesoramento e apoio técnico necesario para un óptimo desenvolvemento dos eventos incluídos no programa conxunto de actividades, sobre todo naqueles aspectos relacionados cos labores arbitrais e coa participación de persoas con licenza federada nas seleccións universitaria e, pola súa banda, a Universidade facilitará o uso das súas instalacións deportivas á RFGF para o desenvolvemento das diferentes actividades que se vaian organizando.

Cursos de arbitraxe gratuítos para o alumnado universitario

A través da súa área arbitral, a federación será a encargada de organizar todos os cursos de iniciación á arbitraxe “que sexan necesarios en función da demanda existente de persoas interesadas neste tipo de formación”. Estes cursos, que serán impartidos por persoal técnico da federación, serán gratuítos para o alumnado universitario, establecendo un mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas por curso. A maiores, será tamén a federación a encargada de designar os equipos arbitrais das diferentes competicións, se ben os calendarios e horarios dos encontros dependerán da propia Universidade.


O acordo asinado prevé tamén que os e as árbitros con licenza federada pola RFGF poidan realizar os seus adestramentos e prácticas de arbitraxes nas instalacións deportivas totalmente de balde. A maiores o convenio prevé tamén a organización conxunta ao longo de toda a tempada de catro ou cinco adestramentos ou partidos das selección galegas ou territoriais de fútbol ou fútbol sala en idade escolar, tanto masculinas como femininas, nas instalacións deportivas universitarias.