DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achega a súa experiencia cara á elaboración dun marco europeo para persoal investigador  

A Universidade exporta a Europa o seu modelo para paliar os paróns na carreira do PDI derivados da brecha de coidados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/07/2019

En abril deste ano, a Universidade de Vigo converteuse na primeira institución académica española, e unha das poucas europeas, en aprobar unha acción positiva, dentro das convocatorias propias de produción científica en investigación, docencia e transferencia, que aborda a denominada “brecha de coidados” por razón de maternidade, conciliación e/ou violencia de xénero, que afecta principalmente ás mulleres docentes e investigadoras. As e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron o 29 de abril en sesión ordinaria e por unanimidade, unha medida que se traduce en que toda investigadora da institución ten dereito a solicitar que a avaliación da súa produción científica, docente ou de transferencia sexa equivalente á media acadada nos cinco anos anteriores a atoparse nas seguintes situacións, polo tempo de duración das mesmas e ata a convocatoria de avaliación inmediatamente posterior á súa finalización: crianza dunha filla ou fillo, ata que acade os seis anos de idade; coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que non poida valerse por si mesmo a causa da súa avanzada idade, de accidente ou enfermidade grave ou que estea a recibir atención psicolóxica prescrita por sufrir violencia de xénero.

A ”acción positiva” impulsada pola Universidade de Vigo súmase agora ás desenvolvidas por outras entidades e institucións europeas co obxectivo de achegar a súa experiencia á elaboración, por parte da Comisión Europea, dunha carta e un código de conduta destinados ao persoal investigador e aos e ás súas empregadoras. “A finalidade é crear un marco europeo para o persoal investigador e así orientar a preto de 500 institutos e centros de investigación europeos para que introduzan a perspectiva de xénero na contratación e xestión do seu persoal investigador”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Xunto a representantes dunha trintena de entidades europeas, Gómez participou recentemente, en representación da Universidade de Vigo, nun obradoiro virtual organizado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no que se compartiron e intercambiaron boas prácticas implementadas por estas entidades nos procesos de contratación das súas e dos seus investigadores.  

Preocupación “europea” pola falta de perspectiva de xénero na carreira investigadora 

FECYT e a iniciativa europea Euraxess- Researches in Motion, ao abeiro do proxecto europeo Gearing-Roles, invitaron á directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo a explicar a medida aprobada pola institución viguesa nunha sesión de traballo en liña, na que tamén tomaron parte outras entidades e organismos de España, Suíza, Hungría, Turquía, Polonia, Francia, Reino Unido e Noruega. “A iniciativa Euraxess está preocupada pola falta de perspectiva de xénero no ámbito da contratación e a carreira académica do persoal investigador, e por iso, están a deseñar guías de orientación dende esta perspectiva”, explica Gómez.

A directora da Unidade de Igualdade, que considera que a participación da Universidade de Vigo nesta iniciativa supón situar á institución como pioneira nas políticas de xénero destinadas ao seu persoal investigador e docente e convertela nunha referencia europea,  cre que “este é un momento de oportunidade política debido á grande sensibilización social existente sobre os problemas derivados da desigualdade de xénero e o patriarcado na construción da ciencia e no ámbito científico en Europa”. Para Águeda Gómez este clamor social, liderado polo movemento feminista está a impulsar que as institucións de todos os ámbitos comecen a amosar preocupación “polos efectos nocivos e inxustos das discriminacións que sofren as investigadoras  e académicas, respecto dos seus colegas masculinos, derivadas das brechas de coidados, o sexismo, os estereotipos de xénero patriarcais, o ‘traballo doméstico universitario’ e toda unha serie de discriminacións que sofren as mulleres e redunda, tanto no seu empobrecemento económico e laboral, como na perda de talento das mulleres na construción do saber científico común”, explica a directora da Unidade de Igualdade.