DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cuarta edición dun curso que promove xunto co Consello Galego de Relacións Laborais

A Universidade forma os e as protagonistas dos procesos de negociación no ámbito laboral

Dirixido tanto a estudantes e profesionais como a representantes sindicais e empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/10/2021

Cadros das organizacións sindicais e empresariais e profesionais de ámbitos como os recursos humanos, o dereito do traballo ou as relacións laborais integran o grupo de preto de 30 alumnos e alumnas cos que conta, na súa cuarta edición, o Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral, que o Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo promove xunto co Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). Coa participación como docentes de preto dunha vintena de expertos e expertas académicos e profesionais da avogacía, a mediación e a inspección, de traballo, o curso busca afondar en aspectos como a estrutura da negociación colectiva, a concertación social e o procedemento de negociación dos convenios, a súa aplicación e interpretación, pero tamén formar aos e ás asistentes en cuestións relativas ás técnicas de comunicación e á intelixencia emocional.

“Trataremos con intensidade e extensión a negociación colectiva, desde unha perspectiva, non diría inédita, pero si cando menos orixinal. O curso ten perfís propios que o diferencian doutros que se imparten noutras universidades e insitucións”, sinalaba nese senso o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza, no acto de inauguración deste curso, desenvolvido a través de Campus Remoto. Dirixido por Cabeza e pola profesora do Departamento de Dereito Público Especial Emma Rodríguez, trátase dun curso “xeograficamente adscrito ao campus de Pontevedra”, que naceu como unha actividade formativa semipresencial e que nas súas dúas edicións máis recentes tivo que converterse en virtual por mor da pandemia. Deste xeito, aínda que co propósito de levar a Pontevedra o seu último módulo e clausura, se a situación sanitaria o permite, o curso desenvolveu de xeito virtual o seu acto de apertura, no que a lección inaugural correu a cargo da catedrática da Universidad de Córdoba Carmen Saéz Lara, quen afondou nos “retos de futuro” da negociación colectiva nun contexto de recuperación tras a pandemia.

Previamente, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a secretaria do CGRL, Cristina Fabeiro, puxeron en valor a “calidade académica extraordinaria” desta actividade. “Achegar coñecementos e técnicas de negociación tanto ás persoas que se están a formar como aos cadros que forman parte dos procesos de negociación no ámbito laboral, como base para mellorar a negociación colectiva en Galicia, constitúe un dos principais obxectivos deste encontro”, salientou Soto. Fabeiro, pola súa banda, lembrou que se trata dunha actividade que nace da “cooperación, necesaria e asentada” entre a Universidade e este órgano consultivo, coa que “tentamos ofrecer unha valiosísima ferramenta a todos os axentes implicados na negociación laboral, cuxos resultados terán unha repercusión positiva non só desde unha perspectiva formativa, senón tamén a nivel económico, laboral e social”. 

Continuidade e actualidade

“A importancia do curso nestes intres é básica, dado o carácter central que a negociación colectiva vén ocupando nas relacións laborais no momento actual, tras a pandemia, e o que vai a ocupar no futuro máis inmediato”, salienta a profesora Emma Rodríguez, que pon o foco en como a crise da covid-19 deixa como consecuencia “situacións de reestruturacións empresariais que deben abordarse desde a negociación colectiva e coa colaboración e diálogo entre as institucións públicas e os interlocutores sociais”. Ata finais de novembro estenderase esta actividade formativa, que mantén a estrutura das anteriores edicións, adaptándose ao contexto actual, que obriga a “afondar máis na lexislación froito da pandemia e o proceso dos ERTES, alén da importancia da solución extraxudicial no ámbito individual”, como lembra Fernández. 

De máis de 70 horas, o curso abriu a súa cuarta edición cunha conferencia na que Sáez Lara afondou nos retos de futuro da negociación colectiva, como as “novas normas en materia de igualdade, teletraballo, transición dixital ou xestión empresarial algorítimica”. Coa súa intervención, abríase o bloque dedicado á concertación social e negociación colectiva, que nas próximas semanas levará a abordar a negociación estatutaria e extraestatutaria, o procedemento de negociación, os “puntos críticos” dos convenios e acordos colectivos e a súa interpretación, aplicación e xestión. Docentes de diferentes universidades e representantes dos sindicatos CIG, CCOO e UGT e da Confederación de Empesarios de Galicia (CEG) exercerán como docentes neste primeiro bloque, que se verá seguido dun centrado na comunicación e intelixencia emocional.

Os aspectos estratéxicos da negociación centrarán a terceira parte do curso, no que se afondará tamén na negociación individual, mentres que o cuarto apartado centrarase nos acordos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos e individuais, como o AGA. Por último, o quinto bloque dedicarase á análise de casos reais e a un “taller de negociación”, formulado como un xogo de roles. Ao igual que nas anteriores edicións, o curso clausurarase cunha conferencia da catedrática da Universidad Complutense de Madrid e ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas.