DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da súa xubilación como profesor de literatura

A Universidade homenaxea a Méndez Ferrín coa edición do poema “A un meu fillo” en dezaoito linguas

"a un HOME noso" recolle traducións ao hebreo, sueco, polaco, serbocroata ou aragonés

Etiquetas
  • Vigo
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/08/2008

Tillbaka i Vilanova efter att ha sett otaliga länder... ; Amikor visszatérsz Vilanova ds Infantes-be...; Pa distroi da Vilanova dos Infantes...; Kehrst du zurück nach Vilanova dos Infantes...; kshe-tahzor le-Vilanova dos Infantes...En sueco, húngaro, bretón, alemán e hebreo, así son os primeiros versos do poema A un meu fillo, que traducido a un total de dezaoito linguas, compoñen o libro co que a Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo súmase ás homenaxes que se lle están a render ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín con motivo da súa xubilación como profesor de literatura.
Coordenado pola Área de Normalización Lingüística, no volume a un HOME noso, participan coas súas traducións a dezaoito linguas, quince persoas entre as que se atopan profesores da Universidade de Vigo como Robert Neal o Marta Darghlen, alumnos e ex alumnos como Jairo Dorado, Agnieska Lisik ou Moncho Iglesias, así como docentes doutras universidades e centros da ESO.
“A universalidade da nosa literatura queda totalmente demostrada neste sinxelo volume”, asegura Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, que engade que “ deste xeito nos poden ler desde un árabe a un estadounidense, pasando por un aragonés ou un croata”.

Poema de vida

A elección do poema A un meu fillo para ser traducido a diversas linguas, responde segundo Costas “a súa densidade conceptual. É un poema de ciclo vital, poliédrico e fondamente enraizado na terra”. Para o director da Área de Normalización Lingüística os versos deste poema incluído no volume de 1982, O fin dun canto, teñen unha especial significación no actual momento vital de Méndez Ferrín “que cheo de sabedoría como Ulises, regresa trala súa xubilación como profesor de literatura”.
A Universidade de Vigo realizou dúas tiraxes do libro, unha especial en tapa dura e numerada e outra edición normal da que se distribuirán 800 exemplares entre aquelas persoas e institucións que o soliciten.