DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convértese na segunda institución en Galicia en ser incluída na Red UCC+i

A Universidade incorpórase á Red de Unidades de Cultura Científica y de la Innovación como membro acreditado 

As unidades son un dos principais axentes de difusión de ciencia e innovación en España 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 06/11/2018

Desde a súa creación no ano 2007 co gallo da publicación dunha convocatoria de axudas para a realización de actividades de difusión e divulgación científica, o número das Unidades de Cultura Científica y de la Innovación (UCC+i) foi medrando en España ata acadar as 79 actuais. A última incorporación á rede como membro acreditado é a Universidade de Vigo, que xunto ao CSIC, convértese na segunda institución galega con presenza neste grupo de unidades, que son a día de hoxe, un dos principais axentes na difusión e divulgación da ciencia e a innovación en España, ademais de ser un servizo clave na mellora da formación, a cultura e os coñecementos científicos da cidadanía española.

“A Universidade de Vigo presentou o pasado mes de outubro unha solicitude ante a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) coa futura apertura dunha Unidade de cultura científica, innovación e proxectos educativos internacionais (UCC+i+PEI)”, explica Jesús Simal, vicerreitor de Internacionalización, que sinala que esta unidade terá tres eixos estratéxicos: a divulgación xeral do coñecemento científico e tecnolóxico; o asesoramento e formación do persoal investigador en difusión da ciencia e a tecnoloxía e a promoción e implementación de proxectos educativos internacionais, así como de cooperación e desenvolvemento.

Ao acadar que a súa proposta de nova Unidade de cultura científica, innovación e proxectos educativos internacionais fose admitida polo Fecyt e entrase a formar parte da Red UCC+i como membro acreditado, a Universidade de Vigo poderá optar a financiamento específico da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. 

Unha clara aposta por unha perspectiva internacional 

O enfoque internacional e a captación de financiamento a través de proxectos educativos innovadores, son as grandes novidades da proposta de UCC+i+PEI que presentou a Universidade de Vigo e que foi admitida polo Fecyt. “A unidade nace como un servizo clave para difundir e divulgar a ciencia e a innovación xerada na Universidade de Vigo e tamén desempeñará un papel moi importante na implementación de proxectos internacionais innovadores en modalidades como cooperación internacional, innovación educativa, desenvolvemento curricular, intercambio de boas prácticas e know-how ou internacionalización dixital”, detalla Simal, que destaca a importancia desta misión, que permitirá “promover un maior posicionamento internacional da universidade, asistindo por exemplo, na procura de socios internacionais e nos trámites de xestión orzamentaria e técnica dos proxectos, así como en actividades formativas na captación de recursos”.

A UCC+i+PEI ten unha responsable dedicada a coordinar e executar as tarefas e actividades da unidade, a técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais, Eva Garea, que estará acompañada por un equipo de técnicas e técnicos das vicerreitorías con competencias na difusión científica: Investigación, Transferencia, Cooperación e Comunicación.