DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor informou de que a matrícula de novo ingreso neste curso está por riba do 100%

A Universidade incrementa o seu orzamento para 2019 en preto dun 6% e acada os 182,5 millóns de euros

A institución captou máis de 7 millóns de euros na convocatoria de axudas para infraestruturas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río / D. Besadío DUVI 03/12/2018

Por terceiro exercicio consecutivo, a Universidade de Vigo incrementa o seu orzamento de ingresos, que para o 2019 será de 182.535.089€, superior nun 5,79% ao do ano anterior. Estas son as cifras presentadas este luns ante o Claustro polo vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, incluídas nas liñas básicas de actuación orzamentaria, as primeiras presentadas polo actual equipo de goberno, encabezado por Manuel Reigosa e as cuartas que se desenvolven no marco do Plan de Financiamento do SUG 2016-2020. 

Como remarcaba o vicerreitor na súa presentación, “para a elaboración dos orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2019, ademais da lexislación aplicable, tivéronse en conta algúns aspectos do programa electoral, como o abono da paga extra íntegra do PDI, a redución horaria do profesorado e a promoción do Persoal Docente e Investigador”. O aumento do orzamento é posible, destacaba, debido principalmente ao incremento das axudas finalistas conseguidas no novo programa marco H2020 e ao éxito nas convocatorias competitivas de infraestruturas de investigación. A este último tema referiuse o reitor no seu informe anual, no que avanzou que se captaron máis de 7 millóns de euros nesa convocatoria, uns resultados que cualificou de grande éxito. Reigosa adiantou tamén as cifras de matrícula, que amosan unha ocupación de prazas de novo ingreso por riba do 100%. A orde do día incluíu finalmente a presentación do informe do Defensor Universitario, Argimiro Rojo, referido a 2017, no que reclamou máis “prevención e control” fronte ao mal uso das novas tecnoloxías.

Incremento do 5,79% do orzamento

De acordo coas previsións de ingresos, o equipo de goberno estima para o exercicio 2019 un orzamento de ingresos por valor de 182.535.089€, o máis elevado da historia da institución. Como explicaba Martín Moreno, esta contía supón un valor superior ao do exercicio anterior, nun 5,79%, xustificando esta previsión nas estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, que achega novos fondos para o financiamento de maiores proxectos de investigación e o “grande éxito na convocatoria de infraestruturas de investigación”. Nesta estrutura de ingresos, destaca o considerable incremento das transferencias correntes (6,79%) debido ao incremento dos fondos do Plan de Financiamento do SUG para sufragar o incremento salarial do exercicio 2019 reflexado nos orzamentos do Estado e de capital (10,38%) debido á consecución de novas axudas para infraestruturas científicas e mantéñense as axudas para as Agrupacións Estratéxicas e Centros Singulares de Investigación. 

No apartado de gastos, o abono da paga extra íntegra do PDI, a redución horaria do profesorado e a promoción do PDI tradúcese no incremento do capítulo que corresponde aos gastos de persoal, e na reestruturación doutros capítulos do orzamento como os gastos correntes e os de capital. Segundo o documento presentado este luns, “o conxunto do gasto mantén criterios de previsión racionais, marcado pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o nivel de gasto e potenciando o gasto no capítulo de persoal asociado as novas políticas”. Deste xeito, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida de gasto, o 59,78% do total do orzamento e un importe de 109.126.119 €. Esta cantidade é superior a orzamentada no 2018, que foi 102.641.859€ e isto débese ao incremento salarial do 2,375% reflexado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2018, a redución de horas docentes e as ofertas de emprego público 2019. Outro dos capítulos que máis incrementa é o de gasto financeiro, debido ao incremento dos gastos derivados da contratación de novos avais para que a Universidade poida presentarse a licitacións públicas e debido a que no exercicio precedente a execución foi superior a estimación inicial. O capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 28.034.976 €, experimentando un lixeiro incremento do 4,02%, por mor do incremento de gastos asociados a cursos e conferencias, froito da consecución de novos proxectos de cooperación educativa internacional e polo incremento previsto dos subministros por mor da alza do prezo da enerxía eléctrica e os combustibles. O capítulo de transferencias correntes presenta unha rebaixa do -4,93%, acadando un valor de 7.345.470€, mentres os investimentos reais acadan unha contía de 35.609.074€, cun incremento de 7,96% verbo de 2018, polo grande éxito na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación.

Liñas xerais de programación plurianual e orzamentaria

Nesta derradeira sesión do Claustro de 2018, o equipo de goberno presentou tamén as súas liñas de actuación prioritarias para o período 2019–2022, no que apostan por “definir e traballar sobre a valorización das persoas orientando os obxectivos do Horizonte 2040”. Porén, Reigosa lembrou que o futuro destes catro anos estará condicionado polo novo Plan de financiamento do SUG, pola masa salarial, “que hai que negociar anualmente” e polas taxas de reposición, que “dado o estado da economía da UVigo, o que hai que agradecer ao anterior vicerreitor de Economía, podemos optar ao máximo de taxa de reposición, que nestes momento en PDI é dun 108%”.

O reitor definiu algunhas das prioridades para os vindeiros anos, que pasan por centrar os esforzos no persoal. Así para en 2019 agardan ter en marcha o cadro teórico de persoal e “esperamos que na oferta pública de emprego de 2021 quede baleirada a bolsa de acreditados a catedrático e posiblemente tamén a de acreditados a titular”. Tamén se comezará a negociar a nova RPT do PAS funcionario e laboral para, en 2020, “se se dan as condicións necesarias, traballar na funcionarización do PAS laboral”. Por outra banda, reafirmou o seu interese por recuperar o papel central do Claustro e por potenciar o diálogo e a negociación en todos os procesos. Ademais, unha vez publicados os novos Estatutos, traballarase no regulamento de estudantado, na normativa de avaliación, con incidencia nas guías docentes e no regulamento disciplinario e de sancións, con normativa de exames. Outra das liñas básicas de traballo para o mandato será a captación de alumnado, co fin de estabilizar a matrícula da Universidade que, aínda que non tanto como outras universidades, si está nun proceso de descenso de estudantes.

No que se refire á docencia, adiantou que se seguirá apostando pola limitación a 280 horas no POD 2019-20 e seguintes pero sen perder de vista a baixada progresiva a 240, se é posible. Tamén se levará a cabo un cambio radical na normativa interna de másteres, crearase unha Escola de Posgrao e Formación Continua que estará en funcionamento en 2020, na que ademais se inserirá o Programa de Maiores e tamén se avanzará na racionalización do calendario académico e negociación no SUG.

Respecto do PDI traballarase na recuperación progresiva dos complementos retributivos da paga extra e “esperamos ir avanzando na liña de completar o marcado pola Lei”. Tamén se mellorará a formación do profesorado na Escola de Posgrao e Formación Continua e simplificaranse os procesos de avaliación, especialmente Docentia. No eido da investigación, o reitor avanzou a creación da Oficina Integral de Proxectos e explicou que se levarán a cabo “leves modificacións da avaliación da produción investigadora e de transferencia”, así como a posta en marcha do sistema electrónico de xestión de revistas da Universidade de Vigo e a revitalización do Servizo de Publicacións.

Finalmente, Reigosa referiuse ás infraestruturas e remarcou que no 2019 estarán rematados os plano de usos dos edificios Benito Corbal, Berbés e Faraday e tamén se arrancará coa Escola de Verán, que no futuro estará localizada neste último edificio. Nesta primeira edición arrancará nalgún espazo da cidade de Vigo cunhas Xornadas de Pensamento Contemporáneo. 

Máis de 7 millóns de euros captados na convocatoria de axudas para infraestruturas

O reitor presentou tamén nesta sesión do Claustro o seu informe sobre o ano 2018 e anunciou que a Universidade de Vigo, ademais de mellorar a súa posición na convocatoria de agrupacións estratéxicas, acadou unha cifra histórica na convocatoria de axudas para infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Ministerio, na que conseguiu máis de 7 millóns de euros, converténdose na universidade galega con máis éxito. “Agora estamos a negociar coa Consellería o financiamento do 20% restante que non achega o Ministerio e temos a garantía de que parte o vai afrontar a Xunta de Galicia”.

Pola contra, no que se refire a transferencia Reigosa explicou que as cifras amosan “que se perdeu certo pulo”, polo que a institución traballará para recuperar os niveis anteriores a través de colaboracións con entidades como confederacións de empresarios, Feuga, Zona Franca ou as deputacións. Reigosa tamén explicou que está moi avanzada a negociación co Concello de Vigo respecto do IBI, que se creará unha Cátedra de Igualdade e un Observatorio Demográfico. Tamén adiantou o reitor que a cifra de matrícula de estudantes de primeiro ingreso na Universidade de Vigo está neste curso 2018-2019 por riba dos 100% e remarcou que os datos se darán a coñecer en detalle nas vindeiras semanas.

Argimiro Rojo reclama máis “prevención e control” fronte ao mal uso das novas tecnoloxías 

No seu informe anual ao Claustro o presidente do Tribunal de Garantías, Argimiro Rojo, fixo un debuxo detallado das actuacións levadas a cabo polo órgano que el preside ao longo de 2017, un ano no que, segundo explicou, se produciu un lixeiro aumento do número de expedientes tramitados con respecto ao ano anterior (36 en 2017, 25 en 2016), feito que considerou “totalmente normal e que non debe causar alarma”, tendo en conta, “que as cifras rexistradas nos últimos anos se mantiveron sempre por riba do medio centenar”, recalcou Rojo.

No que atinxe á distribución por sectores, o defensor explicou que, como vén sendo habitual, a maioría dos expedientes refírense ao alumnado (75%), seguido a bastante distancia polo persoal de administración e servizos (17%) e polo profesorado (8%) e, en canto á distribución por campus, mantense tamén un comportamento parecido ao de anos anteriores constatándose un claro predominio  de expedientes tratados en Vigo (67%), seguido a bastante distancia por Ourense e Pontevedra, cada un deles cun 17%. Na división por sexos apenas hai diferencias entre homes e mulleres, correspondendo o 50% das queixas presentadas ao sexo masculino e o 47% ao feminino –o 3% restante son reclamacións feitas conxuntamente por persoas de ambos os dous sexos-. Con respecto aos principais motivos que levaron á apertura de expedientes o presidente do Tribunal de Garantías explicou que no sector do alumnado están relacionados maioritariamente coa reclamación e revisión de cualificacións, referidas na súa maioría a materias de grao; no sector do profesorado acostuman estar relacionados con procesos de convocatoria e resolución de prazas e, no do PAS, céntranse principalmente en cuestións relacionadas coas consecuencias derivadas da aprobación da última Relación de Postos de Traballo.

De cara a vindeiros exercicios o presidente do Tribunal de Garantías amosou a súa inquedanza polo incremento do uso indebido das novas tecnoloxías, que dá lugar, segundo indicou, a casos de plaxio, copia, acoso e indisciplina nas aulas. “Algúns acontecementos recentes deberían alertarnos sobre esta problemática e nalgúns centros deberíanse reforzar as medidas de prevención e control”, salientou o defensor universitario, que fixo tamén fincapé en que a Universidade ten que aceptar “dunha vez por todas” que o uso indebido das novas tecnoloxías é “unha ameaza e un desafío” ao que se ten que afrontar.