DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entregaranse nunha gala que se celebrará a finais de xullo

A Universidade lanza os Premios Alumni-UVigo para incentivar a relación co seu antigo alumnado

Establécense cinco categorías e poden presentarse candidaturas ata o venres 24 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/06/2022

Promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional das antigas alumnas e alumnos que forman parte da comunidade Alumni-UVigo. Este é o grande obxectivo co que a Universidade acaba de lanzar a primeira edición dos Premios Alumni-UVigo 2022, unha iniciativa coa que a institución pretende incentivar a relación da Universidade de Vigo co seu antigo alumnado e reforzar o sentimento de pertenza á institución. “Na actualidade forman parte da comunidade Alumni-Uvigo máis de 600 persoas e agardamos que a convocatoria destes premios axude a aumentar significativamente este número”, explica a vicerreitora en funcións de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini.

Nesta primeira edición dos premios establécense cinco categorías, en función do perfil de cada unha das persoas candidatas. Na categoría Investigación valorarase, sobre todo, a traxectoria de investigación e os resultados obtidos por cada un dos candidatos ou candidatas, o impacto e potencial real de achegar un avance científico significativo e a internacionalización. No caso do Premio Alumni Impacto Social, premiarase o compromiso desa persoa ou equipo co medio ambiente, solidariedade, inclusión ou proxección social, así como a súa singularidade e o impacto e enfoque cara a problemas relevantes para a sociedade. Unha terceira categoría céntrase nas Humanidades, e medirá a diferenciación e proxección da obra, o seu impacto e notoriedade e o compromiso coa cultura. A cuarta categoría céntrase na Traxectoria Profesional e presta atención ao carácter diferenciado, ás boas prácticas de xestión e, tamén, ao impacto na sociedade. A quinta categoría é o Premio Alumni Emprendedor e nel, ademais da orixinalidade do proxecto e do seu impacto na sociedade, terase en conta o seu potencial de desenvolvemento, de creación de emprego e a súa viabilidade.

Cinco categorías e dous premios extra: Alumni Distinguido e Alumni Honorífico

As persoas ou equipos interesados poden presentar as súas candidaturas ata o vindeiro venres 24 de xuño, ás 23.59 horas, na propia web do premios. “Logo un xurado seleccionará a tres finalistas por cada categoría e será a comunidade Alumni-UVigo a que, a través dun sistema de votación telemático, elixirá ao premiado ou premiada en cada unha das modalidades”, explica a vicerreitora. 

As opcións gañadoras daranse a coñecer nunha cerimonia pública que se celebrará a mediados de xullo, “un acto no que tamén se fará o recoñecemento de Alumni-UVigo Honorífico e Alumni-UVigo Distinguido”, explica a vicerreitora, ao que engade que unha vez finalizada a entrega de premios se ofrecerá un ágape informal para que as persoas que asistan ao evento teñan “un espazo para o reencontro cos seus antigos compañeiros e compañeiras e cos docentes, o que lles permitirá ampliar e/ou reforzar a súa rede de contactos persoais e profesionais”.

600 persoas rexistradas na Comunidade Alumni-UVigo

En febreiro de 2021, a UVigo puxo en marcha o proxecto Comunidade Alumni-UVigo co apoio e colaboración do Consello Social. Trátase de fomentar o establecemento de vínculos sociais e a cooperación entre as persoas egresadas da Univesidade de Vigo, de tal maneira que se manteña unha conexión permanente coa institución e cos seus fins ao longo de toda a súa vida persoal e profesional.

A día de hoxe hai máis de 600 persoas rexistradas, maioritariamente procedentes de España (84%), pero tamén do resto de Europa (16%) e demais continentes (2%). A  distribución por xénero é dun 51% de mulleres, un 46% de homes e un 3% de outros colectivos, e o perfil maioritario é o de profesionais con máis de cinco anos de experiencia laboral. En canto ás titulacións de orixe o abano é amplo e inclúe persoas que estudaron as antigas licenciaturas e diplomaturas, ata alumnado de grao, mestrado, doutoramento...