DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves arrancaron na FFT unhas xornadas específicas sobre Tradución Editorial

A Universidade lanzará en xuño o primeiro título propio de Especialista en Edición emitido por unha universidade pública galega

Vigo é a quinta cidade do Estado español en produción de libros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cursos
  • Académica
D. Besadío DUVI 20/04/2023

Atendendo á concentración de empresas por número de habitantes Vigo é a quinta cidade do Estado español en produción editorial. Así se explicou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución na apertura das Xornadas Tradución Editorial, unha actividade organizada pola profesora do Departamento de Tradución e Lingüística Ana Luna Alonso coa que se van quentando motores para o lanzamento, o vindeiro mes de xuño, do que será o primeiro título propio de Especialista en Edición emitido por unha universidade pública galega, “unha demanda social que vén avalada pola importancia do sector do libro en Galicia”, tal e como destacou a organizadora, quen fixo fincapé en que “ao cursar esta formación na Universidade de Vigo o alumnado estará nun contexto idóneo no que vivir de preto o mundo da edición”.

As xornadas buscan dar a coñecer a necesidade de formación específica centrada neste ámbito, un baleiro que se cubrirá con este novo curso de especialista. A idea é abrir a preinscrición desde o 1 de xuño ata o 4 de setembro. “Buscarase que o alumnado que o curse adquira as competencias profesionais necesarias que lle permitan incorporarse ao mundo laboral por conta propia ou allea, tanto para traballar nunha ou para unha editorial, como para prestar servizos editoriais a outras entidades que poden incorporar entre as  súas actividades a edición, como por exemplo, museos, servizos de publicacións, institucións públicas, etc.”, explica Ana Luna, ao que engade que as persoas que actualmente se queren formar neste sector teñen que recorrer a cursos de entidades privadas ou mestrados ofertados por universidades de fóra de Galicia.

Tres experiencias, retratos da realidade actual da tradución editorial

As xornadas arrancaron este xoves e prolongaranse ata o vindeiro 4 de maio e, ata entón, irán pasando pola facultade diferentes profesionais dedicados ao mundo da edición e da tradución editorial, algúns deles formados nas propias aulas da FFT, que achegarán ao actual alumnado do centro –tanto de grao, como de mestrado e doutoramento- moitas das experiencias reais que se producen no mundo laboral, proporcionándolle así o estímulo necesario para que lle dean saída a súa motivación logo de ter rematado un grao ou un máster. “Con estas xornadas queremos amosar cal é o interese da edición no mercado galego máis próximo e cal é a necesidade de seguir formándose para poder desenvolver unha actividade laboral que se corresponda coa demanda de profesionais que hai no mercado”, explica Luna.

A primeira sesión do ciclo dedicouse aos denominados xéneros menores, a poesía e o ensaio, e para facelo contouse coa participación de Béatrice Pépin, quen exerce como autónoma desde o 2003 traducindo do inglés, do castelán e do italiano cara a francés no eido económico e financeiro.” Apaixonada polas letras, compaxina ese labor coa tradución literaria e humanística do castelán, portugués e galego e tamén é tradutora-intérprete para o sector cultural”, explicaron desde a organización das xornadas. No encontro coas alumnas que asistiron á súa charla faloulles sobre todo do día a día do seu traballo, explicando, entre outras cuestións, como foi o proceso de tradución ao francés do libro Historia de Galicia de Ramón Villares: Terre de Galice, histoire d’un finistère européen (Presses universitaires de Rennes, 2019). “Paciencia, rigor e dedicación son as nosas principais materias primas”, explicoulles Pépin, quen foi intercambiando opinións coas alumnas e resolvendo as súas dúbidas.

O seguinte profesional que se achegará á FFT a compartir as súas experiencias co alumnado interesado no mundo da edición de libros é o vigués Carlos Freire Punzón, autor, tradutor editorial e profesor na Universidad Autónoma de Barcelona, onde imparte materias de lingua, literatura e cultura galegas. Será o mércores 26 de 09.00 h a 11.00 h. No seu caso, entrou no mundo da tradución editorial pola porta grande no 2019 da man de Galaxia coa tradución ao galego da novela Un hijo, de Alejandro Palomas, Un fillo (2020). Posteriormente, no 2021 traduciu ao galego The Secret Garden, unha das grandes obras mestras da literatura infantil e xuvenil e cuxa versión en galego O Xardín Secreto, foi unha das novelas que ese ano tivo unha mellor acollida entre o público infantil galego.

A terceira persoa en achegar a súa experiencia no mundo da tradución editorial será Bita Saghaeian, alumna de doutoramento do Programa de Doutoramento Internacional Traducción & Paratraducción (T&P) da Universidade de Vigo. Natural de Irán achegará o xoves 4 de maio a súa experiencia deseñando os primeiros esbozos da tradución e paratradución da novela gráfica Perépolis de Marjane Satrapi.