DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura este luns dun protocolo xeral entre as dúas institucións

A Universidade e o Liceo de Ourense estreitan a súa colaboración

O seu obxectivo é fomentar actividades culturais e foros de debate

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/06/2019

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Javier Casares, presidente do Liceo de Ourense, asinaron este luns no campus de Ourense un protocolo xeral entre as dúas institucións que representan. Nel comprométense “a colaborar en aqueles actos culturais que consideren oportunos para beneficiar aos seus asociados e/ou ao desenvolvemento cultural, social e económico dos cidadáns ourensáns”, segundo recolle o texto asinado.  

Participación no Foro Liceo

“Para nós como Universidade de Vigo é un reto importante estar inseridos na sociedade, con todo o que ten que ver co desenvolvemento socioeconómico e cultural tanto da provincia de Ourense como de Pontevedra como de Galicia en xeral”, explicou Manuel Reigosa trala sinatura, na que fixo fincapé en como “a Universidade ten que ser un motor de desenvolvemento local e rexional”. Neste contexto, indicou o reitor, “todo o que sexa tender pontes entre diferentes institucións e asociacións que permitan facer un debate sosegado sobre o futuro parécenos importante non só desde o punto de vista da Universidade senón desde o punto de vista da cidadanía”.

Pola súa banda, Javier Casares indicou como, no marco dos convenios que o Liceo vén asinando con colexios profesionais e asociacións, “para nós é unha satisfacción contar coa Universidade de Vigo, campus de Ourense, neste afán que ten o Liceo de estar presente na vida cultural e social de Ourense”. O presidente da entidade convidou á institución académica a unirse ao Foro Liceo, de debate e estudo de temas relacionados con Ourense e coa provincia. A este convite, Manuel Reigosa respondeu que “eu recollo a luva e estaremos encantados de participar no foro. É preciso aproveitar o talento que hai dentro da Universidade para facer ese debate sosegado sobre cara onde deben circular as nosas institucións”. Así, o reitor comentoulle a Javier Casares como “quedamos emprazados a asinar un convenio específico para formar parte dese foro”.  

O protocolo

O texto asinado este luns recolle que a Universidade de Vigo e o Liceo de Ourense manifestan “a vontade de establecer un vínculo entre ambas institucións coa finalidade de beneficiar aos asociados de ambas entidades e buscar a conxunción de ideas e actuacións en pro do desenvolvemento cultural, intelectual e económico dos cidadáns de Ourense”. O protocolo, que terá unha duración de catro anos, sinala que “sen interferir na responsabilidade das institucións e administración públicas, Ourense está necesitada de foros de opinión e acción pacífica, cívica, argumentada e establecida pola concomitancia das necesidades e orientacións variadas de diversos grupos de interese, que chegan por propia vontade a iniciativas comúns, que ao final, son iniciativas dos ourensáns”. Por este motivo, indícase no documento asinado este luns, o protocolo queda “aberto a cantas máis agrupacións cívicas, non partidarias, sexa posible, para a mellor consecución de propostas que abranguen os maiores intereses posibles”.