DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seleccionada nunha convocatoria de axudas do CSD e coordinada polo profesor Carlos Ayán

A Universidade lidera unha rede que desenvolverá programas de exercicio para persoas con discapacidade

Reúne investigadores e investigadoras de Vigo, León, País Vasco e Francisco de Vitoria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 26/11/2019

Desenvolver liñas de investigación conxuntas que teñan como punto de partida o deseño de programas de exercicio físico dirixidos a diferentes colectivos de persoas con discapacidade. Ese é o obxectivo central da Rede de Investigación en Persoas con Discapacidade: Exercicio, Actividade Física e Deporte Inclusivo (RIPD-EAFDI), que, baixo a coordinación do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Ayán, reúne a investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, León, País Vasco e Francisco de Vitoria de Madrid. Seleccionada na convocatoria de axudas para a creación de redes de investigación en ciencias do deporte do Consejo Superior de Deportes (CSD), a rede buscará promover, desde o traballo conxunto, estudos sobre a efectividade de diferentes programas de exercicio deseñados par persoas con discapacidade física ou intelectual, que dean como resultado, á súa vez, o impulso que estratexias que axuden, desde a actividade física, “a integrar e, sobre todo, a mellorar a saúde destas persoas”, apunta Ayán. 

Dirixidas a fomentar a creación de espazos de intercambio entre universidades, o CSD presentou o pasado mes de outubro en Madrid ás 21 redes de investigación seleccionadas nesta convocatoria, que involucran a 364 investigadores e investigadoras, así como a 14 universidades 58 empresas e 23 federacións. Entre os 21 proxectos beneficiarios desta liña de axudas, RIPD-EAFDI é a única rede “que se centra no ámbito da discapacidade”, salienta Ayán, que ve nesta selección un “aval que nos permite arrancar e que, sobre todo, supón unha tarxeta de identificación”. Do mesmo xeito, a subvención concedida co propósito de axudar á posta en marcha da rede reflicte ao seu xuízo “a necesidade manifesta de traballar coa discapacidade” desde o ámbito do deporte.

Catro nodos no inicio

Iván Martínez, José Carlos Diz e propio Ayán, integrantes do grupo de investigación Well Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, son os tres representantes da Universidade de Vigo nesta rede. RIPD-EAFDI conta así mesmo con nodos nas universidades de León, País Vasco e Francisco de Vitoria, coordinados por José Gerardo Vila, Susana Gil e Nuria Mendoza, respectivamente. Nesta fase de constitución, o seu labor centrouse en promover reunión nas que cada nodo expón os seus ámbitos de estudo e os colectivos de persoas cos que traballa. 

Nese senso, Ayán incide en que un dos primeiros obxectivos da rede é establecer vínculos entre universidade e asociacións ou centros hospitalarios. Non en van, o seu propósito final é traballar conxuntamente no desenvolvemento de “programas de exercicio físico e ver os seus efectos en persoas con diferentes tipos de discapacidade”, para xerar así unha serie de pautas que poidan ser de utilidade para que diferentes colectivos e asociacións promovan actividades que permitan aos e ás participantes “ter un mellor nivel de condición física e un mellor estado de saúde”. Do mesmo xeito, o traballo conxunto entre os diferentes nodos axudará tamén “a solicitar proxectos de investigación nos que conflúan varias universidades” e que contribuirían á súa vez, sinala, “a que a rede puidera seguir crecendo e sumar máis socios”. 

Un campo por explorar

“Hai pouca xente que investigue sobre deporte e discapacidade”, recoñece Ayán, que ve nesta rede unha oportunidade para potenciar este campo de estudo e para fomentar tamén a colaboración con diferentes colectivos, que contribúa tanto ao desenvolvemento de investigacións como á propia formación do alumnado. “Na facultade levamos xa un tempo con esta liña, facendo traballos de fin de grao ou fin de máster”, apunta Ayán, que sinala nese senso que o programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde da facultade conta cunha liña sobre exercicio físico e patoloxías. Como exemplo dese traballo que xa veñen realizando neste eido as e os integrantes da rede, Ayán sinala o estudo realizado recentemente con persoas afectadas por esclerose múltiple, coas que se testou un programa de exercicio baseado na marcha nórdica, “que estamos vendo que lles vén ben para o equilibrio”. Nesa mesma liña, os investigadores do campus desenvolveron tamén, en colaboración coa asociación Juan XXIII de Pontevedra, un programa de exercicios aeróbicos para persoas con discapacidade intelectual, do mesmo xeito que na Universidad de León traballan en actividades que axuden a mellorar a capacidade respiratoria de persoas con tetraplexía. “Todo ten unha pauta común, o exercicio, e logo as liñas vanse concretando en función das características de cada poboación”, conclúe o coordinador da rede.