DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o presidente da entidade valoran positivamente esta nova etapa de colaboración

Universidade e Mancomunidade de Montes asinan un convenio marco que senta as bases para futuras accións concretas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 02/05/2019

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxio González, asinaron este mediodía un convenio marco ao abeiro do que se desenvolverán accións concretas, que se materializarán en convenios específicos. Desenvolvemento de proxectos de investigación; organización e realización de actividades académicas; apoio a investigadores e estudantes; intercambio de publicacións ou traballos de investigación; mobilidade de estudantes e persoal docente e colaboración en proxectos culturais de interese común, son algunhas das accións que se poderán desenvolver ao abeiro do convenio marco asinado hoxe, que ten unha duración de catro anos.

Finalizada a sinatura do convenio marco, ao que tamén asistiu o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, José Luis Míguez, e unha representación da directiva da Mancomunidade de Montes de Vigo, o reitor destacou a importancia de fortalecer os vínculos coa entidade comunal, coa que xa se colabora desde hai anos, “pero á que agora queremos darlle pulo para reforzar a visión da riqueza que a Mancomunidade pon a disposición da cidadanía”, asegurou Reigosa. Pola súa banda, Uxio González destacou a importancia deste acordo “empezando por que a Universidade está fisicamente en terreos da Mancomunidade. Para nós é moi importante esta colaboración porque ademais de ofrecémonos a ceder calquera tipo e parcela que sexa necesaria. Xa tiñamos colaboración, por exemplo con docentes como Juan Picos, Marisa Castro e Damián Copena, pero queriamos plasmala nun convenio”, asegurou o presidente da Mancomunidade. 

Convenios específicos para actividades concretas

Á firma deste convenio marco seguiralle en breve a doutros acordos específicos para o desenvolvemento de actividades concretas. “Agradezo á Mancomunidade a súa postura sempre proactiva a favor da Universidade e co uso de parcelas do que falou o seu presidente. Estamos polo tanto encantados coa sinatura deste convenio”, dixo Reigosa.

Mentres, Uxio González reiterou “o verdadeiro tesouro que a cidade ten nos seus montes”, ao tempo que destacou a mellora experimentada na relación co Concello de Vigo nos últimos sete ou oito anos, o que permitiu que “os montes xa non sexan os grandes esquecidos de Vigo”, asegurou o presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo.