DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por primeira vez 18 centros da institución académica estarán presentes no salón educativo

A Universidade multiplica a súa presenza na 8ª edición de Edugal

A feira abrirá as súas portas o 27 de febreiro en Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
Mª Carmen Echevarría DUVI 21/02/2019

17 dos 54 stands que integrarán a 8ª edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, corresponden a outros tantos centros da Universidade de Vigo, que por primeira vez na historia da feira educativa acada unha presenza tan relevante. Este feito foi destacado este mediodía pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, no acto de presentación de Edugal, que tivo lugar este mediodía e no que a vicepresidenta da Asociación de Medianos e Pequenos Empresarios, Aempe, Conchi Pereiro, adiantou que a día de hoxe xa contan coa asistencia confirmada de máis de 5000 estudantes. “O alumnado debe estar ben informado da oferta da Universidade de Vigo para que poidan facer unha boa elección”, sinalou Caparrini, que confirmou a presenza no salón de 18 centros (17 con stand e un sen el) dos tres campus, onde se informará ás e aos asistentes das titulacións que se imparten na institución académica, así como das súas saídas profesionais. Máis aló de dar a coñecer os títulos que se poden cursar nos centros que estarán presentes en Edugal, as facultades e escolas organizarán charlas e actividades paralelas para achegar a súa oferta ao alumnado. 

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que colabora na organización do salón, referiuse a Edugal como “o maior evento da oferta educativa”, onde o estudantado pode acceder de xeito directo á información que precisa para a súa formación. Ernesto Pedrosa felicitou a Aempe pola organización do salón, que terá lugar os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo no recinto feira de Pontevedra.

Máis de medio cento de expositores na oitava edición

Xunto á oferta formativa que presentará a Universidade de Vigo e as súas homólogas de Santiago de Compostela e A Coruña, na 8ª edición de Edugal amosarán as súas propostas centros de FP e de Secundaria, entidades sociais, así como escolas profesionais. “Nesta edición acadamos un número moi importante de participantes, que ocuparán un total de 54 stands, ao tempo que serán unhas xornadas moi visuais con demostracións en vivo”, explicou Conchi Pereiro, que avanzou, como novidade desta edición, a celebración dun torneo de videoxogos. A vicepresidenta da Asociación de Medianos e Pequenos Empresarios tamén confirmou que no salón poderá visitarse unha exposición protagonizada polas mulleres ás que se lles otorgou o premio Josefa Wonenburger, pola súa relevancia nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía. Unha delas, a microbióloga da USC Alicia Estévez Toranzo impartirá ademais unha charla ao abeiro do salón.