DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por Galma, primeiro observatorio galego de accesibilidade aos medios 

A Universidade oferta o primeiro curso no mundo de especialista en refalado interlingüístico inglés-español 

A formación on-line comezará a impartirse na cuarta semana de xaneiro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/01/2019

O refalado lingüístico é un sistema empregado nos medios de comunicación que permite prover de servizos de accesibilidade a persoas con discapacidade auditiva. A ou o refalador recibe unha mensaxe oral, a través de auriculares, nunha lingua que traduce a outra, empregando a modalidade de interpretación simultánea, mais en vez de falarlle ao público directamente, diríxese a un software de recoñecemento de voz, que, pola súa banda, proxecta nunha pantalla os subtítulos traducidos polo refalador, que debe, ademais, engadir signos de puntuación e outras indicacións para que os subtítulos sexan perfectamente lexibles para a audiencia. Pero as utilidades do refalado interlingüístico non rematan aquí, senón que “pensamos que a maiores tamén podería utilizarse en conferencias internacionais, de xeito que, no canto de recibir unha interpretación por auriculares, o público podería ler o texto proxectado en pantalla, aínda que isto está un chisquiño lonxe. Cando isto ocorra, esta tradución será accesible tanto para persoas oíntes como xordas”, explica Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, que xunto a Pablo Romero dirixe o I Curso de especialista en refalado interlingüístico (inglés-español), que comezará a impartirse o vindeiro 21 de xuño.

Ao longo de 200 horas e en formato on-line, o alumnado traballará cos vídeos e outros materiais que estarán colgados na plataforma do curso, o primeiro que se oferta no mundo en refalado lingüístico inglés-español. “Co primeiro módulo do curso de especialista o estudantado formarase na modalidade que se emprega para subtitular a case totalidade dos programas en directo nas diferentes canles da televisión española. Neste momento existe unha gran demanda de refaladores español-español e practicamente ningún curso dedicado a súa formación, pero o noso curso irá un paso máis adiante converténdose no primeiro do mundo en ofrecer formación en refalado lingüístico inglés-español”, detalla Bacigalupe. 

Unha pedra angular da colaboración entre linguaxes e tecnoloxías

O curso, que oferta un máximo de 10 prazas, está vinculado ao grupo de investigación Galma (Galician Observatory for Media Accessibility), o primeiro observatorio galego de accesibilidade aos medios. Composto por docentes da Universidade de Vigo e investigadores de diferentes países, Galma lidera ou participa en 14 proxectos internacionais de investigación e colabora con diferentes institucións como os gobernos de Canadá, Australia, Reino Unido ou a Xunta de Galicia e institucións como a BBC ou o National Theatre de Londres. “Traballamos ademais con grupos do ámbito tecnolóxico da Universidade de Vigo, como o liderado pola catedrática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Carmen García Mateo. Iniciativas como estas son a pedra angular da colaboración entre linguaxes e tecnoloxías que deberán marcar o futuro das humanidades no século XXI para non centrarnos nos problemas tradicionais que se asocian cos estudos de letras, senón no tremendo potencial que teñen para satisfacer as necesidades reais da cidadanía”, explica o director do curso.

Nuns meses presentaranse dous cursos similares ao que este mes comezará a impartirse en Vigo nas universidades de Viena e Amberes, socios do proxecto ILSA, financiado pola Comisión Europea e liderado por Galma, que se centra no deseño curricular, viabilidade e implementación de sistemas de formación en refalado interlingüístico.