DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Interviñeron representantes de máis de 12 institucións da rede europea Nanouptake

A Universidade participa en Birmingham nun encontro internacional para promover o uso dos nanofluídos

Avanzouse na colaboración entre institucións para a implementación destes materiais na industria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/02/2019

A Universidade de Vigo participou  este mes en Birmingham nunha das xuntanzas de seguimento da rede europea  Cost Action Nanouptake, unha iniciativa integrada por máis de 35 grupos de investigación de 25 países, entre eles dous vigueses: Enxeñaría Solar e Refrixeración e Física Aplicada II, ao que pertence o profesor Luis Lugo, integrante do comité de xestión da rede e representante da institución académica viguesa neste encontro internacional.

O obxectivo de Nanouptake é crear unha rede europea de entidades e empresas de I+D+i para desenvolver e consolidar o uso de nanofluídos para aumentar a eficiencia nos sistemas de intercambio e almacenamento de calor. Neste contexto, “esta reunión permitiu identificar o enfoque principal e tamén representou un paso importante na colaboración entre institucións de investigación e industrias para a implementación dos nanofluídos na industria”, apuntou xa de volta en Vigo o profesor Luis Lugo, quen tamén explicou que participaron nas diferentes mesas de traballo 12 socios que forman parte do consorcio do proxecto, incluíndo universidades, centros de investigación e empresas.

Medio cento de artigos e presentación de nove proxectos internacionais

Transcorridos xa os primeiros dous anos do proxecto –dunha duración total de catro- durante a reunión analizouse o informe de seguimento, destacando a publicación en revistas de alto impacto de medio cento de artigos conxuntos e a presentación, tamén de forma conxunta, de nove proxectos internacionais. “Penso que estes dous aspectos son as mellores probas do éxito da colaboración entre todos os grupos que formamos parte desta Cost Action”, salienta Lugo. A maiores, as e os participantes na xuntanza decidiron tamén as actividades previstas para o último período do proxecto, destacando a organización da 1ª Conferencia Internacional Sobre Nanofluídos (ICNf 2019) e o 2ª Simposio Europeo sobre Nanofluídos (ESNf2019) que se celebrará na cidade valenciana de Castelló do 26 ao 28 de xuño deste mesmo ano.

Durante a segunda parte da xuntanza, levouse a cabo unha reunión estratéxica entre o grupo Nanouptake e representantes das industrias de Arcelor Mittal (España), Plin-Nanotechnology (Grecia), JJ BioEnergy (Reino Unido) e Synano-cooling (Países Baixos). Os principais obxectivos desta iniciativa foron promover o desenvolvemento dunha axenda conxunta para acercar os nanofluídos á industria enerxética, analizar os impactos potenciais dos nanofluídos na saúde, a seguridade e o medio, crear novas sinerxías e fomentar a cooperación entre institucións de investigación e industrias no sector dos nanofluídos en Europa.