DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto Conecta Peme GOINg, financiado con 700.000 euros

A Universidade participa na creación dun innovador dispositivo de xeolocalización de contedores

A principal innovación desta tecnoloxía é que permite un seguimento continúo do produto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/02/2019

Un dispositivo de xeolocalización de contedores, capaz de realizar un seguimento continúo do produto tanto en interiores como en exteriores e que, ao tempo, sexa quen de achegar información en tempo real sobre diferentes parámetros de interese (humidade, temperatura, etc.) Este é o grande obxectivo de GOINg –Desarrollo de nuevas herramientas integradas IoT de Geolocalización Outdoor/INdoor para loxística 4.0-, un proxecto enmarcado no programa Conecta Peme 2018, liderado pola empresa coruñesa Rotogal e no que tamén participa o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo.

A reunión de lanzamento do proxecto, financiado con 700.000 euros -dos cales 367.000 corresponden a unha subvención da Axencia Galega de Innovación –GAIN-, tivo lugar este martes na Cidade Tecnolóxica de Vigo e nela participaron representantes de todos os socios do consorcio: as empresas Sistemas Audivisuales Itelsis SL e a spin-off da Universidade de Vigo Ingeniería Insitu, ademais do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo.

“O reto principal está en facer a trazabilidade de xeito continúo”

O proxecto, cuxa finalización está prevista para setembro de 2020, insírese no ámbito da loxística industrial 4.0 e con el búscase desenvolver un dispositivo que poida montarse ou implementarse sobre calquera elemento que estea suxeito a mobilidade. “Falamos, por exemplo, de contedores que, á súa vez levan mercancía dun determinado sector: automoción, alimentación, etc”, explica o profesor Pedro Arias, investigador principal do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, quen recalca que a idea é facer un dispositivo que permita en todo momento facer un seguimento e unha trazabilidade do contedor ou elemento en cuestión no que estea acoplado este dispositivo, tanto en ambientes interiores como exteriores.

“O reto principal está en facer esa trazabilidade de xeito continúo”, apunta Arias, ao tempo que explica que hoxe en día hai dispositivos capaces de facer ese seguimento en exteriores, baseados sobre todo no sistema GPS (Global Positioning System), e tamén en interiores, a través da localización por bluetooth ou por sistemas RFID de identificación por radiofrecuencia, pero carécese da tecnoloxía precisa para facer o seguimento completo. “Con este proxecto buscamos un dispositivo que non precise ningún tipo de infraestrutura asociada no almacén no que poidas almacenar a mercancía e que permita esa xeolocalización en todo momento”, recalca o responsable do grupo Geotech.

Deseñado un primeiro prototipo do dispositivo

Os socios empezaron a traballar neste traballo hai preto dun ano e xa desenvolveron un primeiro prototipo de dispositivo, feito de plástico e realizado nunha impresora 3D, pero no que xa se ven os tamaños e o tipo de formato que debería ter. Dentro deste dispositivo situaríase unha pequena placa con todo o sistema de intelixencia do sistema, baterías, etc.

O proxecto está liderado pola empresa coruñesa Rotogal (Rotomoldeo de Galicia, SL), firma experta no deseño e fabricación de produtos de plástico utilizando o proceso de rotomolding ou moldeo rotacional. “Esta firma é especialista na fabricación de contedores de tamaño medio de entre 100 e 200 quilogramos de capacidade de carga e acostuman a traballar con empresas de moi distintos sectores”, recalca Arias, quen fai fincapé en que, se ben o dispositivo podería aplicarse en todo tipo de sectores,  inicialmente está pensado, sobre todo para o sector da alimentación, xa que entre os principais clientes de Rotogal están firmas como Nestlé ou Campofrío. A demanda dun  dispositivo destas características chegoulle a Rotogal por parte das diferentes empresas para as que traballa e, detectada esta necesidade, chamaron á porta da Universidade de Vigo para buscar asesoramento. 

Labor do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas

O labor do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas dentro do proxecto céntrase, por unha banda, en tentar deseñar un dispositivo o máis ergonómico posible para que se poida implementar de xeito sinxelo en diferentes tipos de contedores, tanto en interiores como en exteriores e, da outra, no estudo dos diferentes tipos de sensores que se van incluír no dispositivo para levar o control da carga.

 “Conforme vai avanzando a idea,  o que nos formulan os socios do proxecto é a posibilidade de incluír outro tipo de información, ademais da propia localización”, apunta Arias, que amplía esta última idea recalcando a posibilidade de que o dispositivo deseñado achegue datos monitorizados relativos, por exemplo: á temperatura ou á humidade á que están os produtos que porta o contedor; a que quede rexistrado se nalgún momento o contedor sufre algún tipo de golpe ou caída... Este seguimento podería facerse, segundo indican os responsables do proxecto, en tempo real.