DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 'Faro Gaming' celebra a súa primeira edición entre o 14 e o 16 de xuño

A Universidade participa no evento de ‘eSports’ máis grande de Galicia

Educación e espectáculo danse a man para atraer os amantes dos videoxogos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 11/06/2019

Galicia precisaba dun espazo común para todas e todos os amantes dos videoxogos e Vigo quere ser ese lugar. Con este obxectivo, o xornal Faro de Vigo organiza a primeira edición de Faro Gaming, un evento que se celebrará no Auditorio Mar de Vigo entre o 14 e o 16 de xuño e que ten a finalidade de consolidar o presente e construír o futuro dos deportes electrónicos na cidade olívica. Organizado coa colaboración da Universidade de Vigo, R e o proxecto Faneka Gaming, este festival de eSports e contidos dixitais “tenta cubrir un oco que non está en Galicia, nunha cidade onde existe a maior concentración de bares gaming, de xente que xoga e de todo o mundo que hai arredor da actividade que centra o evento”, salienta Bruno Rodríguez, organizador do evento e director de sistemas no Faro de Vigo

O cada vez máis evidente crecemento da industria do videoxogo na comunidade é un dos incentivos que impulsaron á creación deste evento. A Universidade de Vigo non é allea a esta realidade, polo que vai estar presente na parte formativa, cun taller titulado Así se tradujeron tus videojuegos e o relatorio Desarrollo del videojuego: del indie al estudio profesional a cargo de Ramón Méndez, profesor do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo.

A aposta de Faro Gaming é clara: ser o maior evento do seu tipo en Galicia. “Hai un mercado xa non potencial, senón real dentro dos eSports para o que existen saídas profesionais”, salienta Rodríguez, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, que tamén explica que os videoxogos xa non son cousa dun grupo marxinal de persoas, senón que “hai grandes profesionais detrás, polo que é moi interesante que a universidade teña presenza neste tipo de eventos”. 

Espectáculo, tecnoloxía, ocio e educación 

O auditorio Mar de Vigo transformarase durante a vindeira fin de semana nun gran espazo dedicado aos videoxogos: ordenadores, consolas, realidade virtual, obradoiros, mesas redondas, charlas e ata un campo de fútbol. Un festival repleto de atractivos para todo tipo de xogadores e xogadoras, dende principiantes ata os máis expertos. O prato forte serán os eSports: haberá torneos afeccionados de League of Legends, FIFA, Clash Royale e Brawl Stars. A competición nos distintos títulos iniciouse en liña e só os mellores chegarán para competir presencialmente ante multitude de espectadores.

Faro Gaming achegará diversas experiencias do mundo dos videoxogos e da tecnoloxía,  a través de varios módulos de programación. Nun deles, dedicado aos videoxogos independentes, a organización traerá en exclusiva a diferentes estudos de videoxogos, de Galicia e España, para que o público poida coñecelos de primeira man e probar as súas novas creacións antes de que saian ao mercado. Noutro, un punto de showmatch, as e os participantes coñecerán e xogarán cos seus creadores de contido favoritos aos videoxogos competitivos máis importantes do momento. Ademais, Faro Gaming contará tamén con distintos espazos de ocio nos que se ofertarán distintas experiencias: unha zona retro, para as e os máis nostálxicos; probas de realidade virtual, para quen queira probar o último en tecnoloxía; un espazo con simuladores de carreiras de última xeración para os apaixonados do motor; e ata un campo de fútbol, de céspede artificial, onde os seareiros poderán xogar de forma libre ao FIFA

Unha primeira edición con moitas posibilidades de éxito

Nun evento destas características, que se organiza por primeira vez, a cautela prima sobre o entusiasmo, aínda que “o feedback que nos chega e que facía falta que existise un evento así no norte de España, polo que as expectativas sobre a acollida son boas, o evento tiña sentido, e facelo en Vigo tamén. Por iso creemos que vai funcionar, ademais, os eSports están cada vez máis presentes”, salienta Rodríguez.