DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco países toman parte no proxecto In Common Sports, que lidera Vila Nova de Cerveira

A Universidade participa nun proxecto europeo que estuda como motivar as persoas maiores a facer deporte

O grupo HealthyFit desenvolverá este estudo en Sanxenxo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Internacional
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/02/2019

Afondar nos factores supoñen unha motivación nas persoas maiores cara a práctica deportiva e de actividade física é o obxectivo central do proxecto europeo In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), cofinanciado polo programa comunitario Eramsus+ Sport e liderado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Institucións académicas e municipais de Portugal, España, Italia, Hungría e Bulgaria forman parte dun proxecto que, por unha banda, promoverá o desenvolvemento de programas de actividade física e competicións deportivas dirixidas á persoas maiores nestes cinco países, e, por outra, o estudo tanto da eficacia deses programas na mellora de calidade de vida das e os maiores como da incidencia que teñen factores como a competición como elementos de motivación para a práctica de actividade física. 

Xunto ao municipio de Vila Nova de Cerveira, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o municipio italiano de Cesena, a asociación Zoldpont húngara e o municipio búlgaro de Aksakovo, In Common Sports incorpórse como parceiro á Universidade de Vigo, que participará neste proxecto a través do grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que, ademais de encargarse do control de calidade do proxecto, desenvolverá este estudo no Concello de Sanxenxo, onde celebrará en setembro unha das diferentes competicións deportivas para maiores que, de aquí a 2020, se irán levando a cabo nos países participantes. Así o explicaron os responsables desta iniciativa na presentación que este martes tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na que participaron o vicerreitor Jorge Soto; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, a técnica deste municipio e coordinadora do proxecto, Manuela Ferreira, e o investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela.

Como un “proxecto estratéxico para Galicia e o norte de Portugal” cualificou Jorge Soto unha iniciativa que une “factores motivacionais, deporte e persoas maiores”, un colectivo que debe ser “para investigadores e institucións unha parte fundamental das nosas políticas”. Nese mesmo senso, Cancela puxo de relevo que, tanto en Galicia como en Portugal, o envellecemento da poboación debe traer consigo a busca “dunha mellora da calidade de vida” das e os maiores, como a que pode achegar o desenvolvemento de programas de exercicio físico. Nese senso, entre os obxectivos deste proxecto europeo figuran tamén contribuír ao desenvolvemento de políticas e estratexias de promoción da saúde, promover e compartir boas prácticas para fomentar o deporte entre os maiores e o deseño de programas de actividade física para este colectivo.

“Olimpíadas interxeneracionais” como precedente

Segundo explicou o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, In Common Sports tivo como precedente Olympics4All, “un proxecto de deporte para séniors” impulsado en 2015 por este municipio do norte de Portugal que implicou aos dez municipios da rexión de Viana do Castelo. Todos eles, xunto con outros dez concellos galegos e franceses, irmandados cos municipios lusos, estiveron representados nas “olimpíadas interxeneracionais que foron un éxito extraordinario”, recoñeceu Nogueira, tanto pola participación de máis de 300 persoas como “pola motivación das persoas” participantes. Partindo dese éxito, e cun proxecto “baseado nos mesmos conceptos”, In Common Sports, que se estenderá ata 2020, busca agora “procurar outra amplitude e replicalo a nivel europeo”, á vez que “desenvolver tamén coñecemento técnico”, coa implicación da Universidade de Vigo e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, co propósito de “estudar o desenvolvemento que o deporte aplicado aos sénior produce no seu día a día, na súa sustentabilidade en termos dun envellecemento activo”. 

A competición como un elemento motivador

Aquelas olimpíadas interxeneracionais, que nos anos seguintes continuaron desenvolvéndose noutros municipios da rexión de Viana do Castelo, puxeron de relevo a importancia da competición “como un factor motivacional interesante, que tendemos a esquecer un pouco”, engadiu Manuela Ferreiro, quen incidiu en que se ben “parece que cando somos maiores xa non temos que competir, pero as olimpíadas de 2015 fixéronnos percibir o contrario, que as persoas realmente querían continuar adestrando para presentarse ao ano seguinte en forma e poder representar ao seu municipio”. Nese senso, engadiu Cancela, o proxecto busca tamén afondar neses factores que contribúen a que as e os maiores “teñan un gusto pola práctica deportiva e que esa práctica se traduza nunha mellora da súa saúde e da súa calidade de vida”.

Deste xeito, o estudo das motivacións será un dos eixos dun proxecto que leva xa, como explicou Ferreira, meses de traballo, e que a pasada semana celebrada unha das súas reunións de traballo en Hungría. Nela sumábase o grupo HealthyFit, que como explicou Cancela encargarase por unha banda na “avaliación da calidade do proxecto e a supervisión dos programas de exercicio”, así como na definición dun “protocolo de homoxeneización dos procedementos” para todos os países participantes, coa finalidade de que “o proxecto teña unha calidade que nos permita nun futuro renovalo e en base a el crear outros proxectos vinculados á actividade física” e o colectivo da terceira idade.

Colaboración con Sanxenxo

A esta avaliación da calidade, o grupo HealthyFit sumará o traballo que desenvolverán coa colaboración do Concello de Sanxenxo, co que a Universidade mantén desde hai anos un convenio de colaboración e que foi “escollido porque ten un programa de actividade física deportiva para maiores desde hai máis de 25 anos, con xestión directa, o que nos facilita a toma de decisións á hora de modificar e implantar novas actividades”. Neste eido, explicou Cancela, o grupo de investigación desenvolverá un traballo con tres grupos de persoas maiores, “un de control e dous grupos experimentais con diferentes intensidades de traballo”, que permitirán por unha banda, “preparalos para eses xogos deportivos” para persoas maiores que terán en Sanxenxo unha das súas sedes e, por outra, “ver que resultados teñen os diferentes tipos de adestramento”. Segundo explicou este docente, estas serie de competicións, que se desenvolverán anualmente nos cinco países participantes, estarán integradas por actividades comúns vinculadas a diferentes disciplinas deportivas, pero á súa vez incluirán tamén xogos e actividades tradicionais de cada un dos países. 

Esta presentación viuse sucedida, nese senso, por unha visita ás instalacións do Concello de Sanxenxo nas que se desenvolverá este estudo, na que os responsables do proxecto mantiveron unha xuntanza co alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Turismo, Deportes e Festas, Jesús Sueiro, que salientaron "a importancia deste tipo de prácticas nas que Sanxenxo é un referente" e amosáronse "encantados de ser unha entidade colaboradora deste proxecto tan ambicioso e innovador”.