DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da profesora da Área de Dereito Penal Inma Valeije

A Universidade participa nun proxecto que busca converter as entidades públicas catalás en referentes de boas prácticas anticorrupción

O traballo está en plena elaboración e inclúe 23 sociedades públicas de distintas categorías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/11/2021

A Universidade de Vigo está a colaborar coa Oficina Antifraude de Cataluña na elaboración do proxecto Compliance, un traballo co que se busca converter aos entes públicos cataláns en referentes de boas prácticas a nivel nacional e internacional mediante a implantación xeneralizada de distintos programas de cumprimento normativo e plans de integridade. A participación da UVigo no proxecto chega da man da profesora da Área de Dereito Penal Inma Valeije, especialista en Dereito penal de empresa, corrupción  e delitos contra a administración pública, e responsabilidade penal corporativa no ámbito do sector institucional.

Liderado desde a propia Oficina Antifraude, xunto á UVigo participan tamén neste proxecto as universidades Autónoma de Barcelona e Castilla La Mancha, con quen se vén traballando de maneira conxunta desde marzo de 2020, data na que se asinou un convenio de colaboración que facilitou a posta en marcha deste estudo, no que tamén participan especialistas da Universitat Oberta de Catalunya e da universidade italiana de Módena, xa que se inclúe un estudo de experiencias internacionais comparadas. “Os ámbitos de colaboración institucional céntranse,  fundamentalmente, na implantación de programas de integridade e de cumprimento no sector público institucional de Catalunya, principalmente nas entidades públicas empresariais e sociedades públicas mercantís”, explica a profesora Valeije.

Trato directo cos equipos directivos de 23 entidades públicas

O estudo, en pleno proceso de elaboración, conta coa participación activa de 23 entes públicos de diversa tipoloxía, desde sociedades mercantís públicas ata entidades públicas de carácter empresarial e consorcios. Segundo explica a profesora Valeije, os programas de cumprimento  normativo deséñanse partindo dun sistema de enquisas estruturadas e de toda unha serie de coloquios mantidos cos equipos directivos destas sociedades, aos que se lles realizou unha ampla  batería de preguntas sobre diferentes aspectos, tales como  “grao de cumprimento de obrigacións de transparencia, conflitos de interese, contratación pública, subvencións, control interno e externo da actividade económico-financeira, etc.”  e partir de aí será cando se deseñen eses  programas de integridade e prevención da corrupción.  “A contribución da  Universidade de Vigo é a través da miña participación no deseño das entrevistas, na súa realización ás entidades publicas participantes e  na elaboración dos informes finais”, salienta Valeije,  quen mantén unha estreita relación académica e investigadora cos investigadores e investigadoras das universidades que participan no proxecto.

O traballo, que arrancou en febreiro do pasado ano, consta de varias fases. Nunha fase inicial, seleccionouse, de acordo con criterios territoriais, de medida e de dependencia de varias administracións públicas, as entidades ás cales se dirixiu un cuestionario para detectar riscos e vulnerabilidades. As 23 entidades públicas que responderon o cuestionario, das máis de 70 ás que foi enviado, son as que participan actualmente no estudo. A fase de entrevistas en profundidade destas entidades realizouse durante os primeiros meses de 2021 e finalizou o pasado mes setembro.

Nunha fase posterior, previa á análise da información obtida, elaboraranse uns estándares de cumprimento normativo e de integridade e a idea é que difusión dos resultados do estudo, complementados con sesións formativas e de sensibilización, cheguen a todos os entes públicos potencialmente destinatarios. “Falta por elaborar o informe final  e a realización de talleres-seminarios coas entidades participantes do proxecto para  formación e implantación dos devanditos plans de cumprimento”, explica a investigadora viguesa.

Solucións “convincentes, adecuadas, pioneiras e innovadoras”

O director da Oficina Antifraude, Miguel Ángel Gimeno, destacou pola súa banda que “as institucións teñen a obriga de render contas e ser exemplares co cumprimento das normas, pero a confianza da cidadanía necesita algo máis: os valores”. Neste senso, destacou que, teñen que actuar con coherencia coas finalidades polas cales se crearon pero, “como di a OCDE, só cun cumprimento moi estrito das normas non se logra a máxima eficacia contra a corrupción, tamén se ten que apostar por unha estratexia con integridade pública”.

Sobre a metodoloxía do proxecto, Adán Nieto, catedrático de Dereito Penal da  Universidad de Castilla La Mancha remarcou que o fundamental foi o diálogo, a confianza e o traballar cos suxeitos cos cales se tenta establecer estándares de cumprimento normativo, ao que engadiu que “establecer patróns de cumprimento é moi complexo e só desde a confianza se pode chegar a solucións convincentes, adecuadas, pioneiras e innovadoras. Só así estes estándares terán unha gran lexitimidade e serán de referencia”.