DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto está financiado pola UE con máis de medio millón de euros

A Universidade participa nunha rede europea para fomentar o uso de nanofluídos en enerxías renovables

Participan nesta iniciativa máis de 35 grupos de investigación de 25 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/11/2018

A Universidade de Vigo é un dos socios da rede europea Cost Action Nanouptake, unha iniciativa integrada por máis de 35 grupos de investigación de 25 países con representación de universidades, centros de investigación e empresas do sector que traballan conxuntamente para fomentar o uso dos nanofluídos nas enerxías renovables. A acción durará ata abril de 2020 e contan cun financiamento próximo aos 500.000 euros, con cargo ao programa Horizonte 2020, do que forman parte as denominadas acción Cost (Cooperación Europea en Ciencia e Tecnoloxía), un dos marcos máis amplos de colaboración a escala internacional.

“O noso obxectivo é fomentar o uso destes materiais e aumentar así a eficiencia dos sistemas de intercambio térmico con múltiples aplicacións, por exemplo, todas aquelas baseadas en fontes renovables como a enerxía solar”, explica o profesor do Departamento de Física Aplicada Luis Lugo, coordinador en Vigo do proxecto, que fai fincapé en que desde a Unión Europea buscan con esta acción impulsar a investigación neste tipo de tecnoloxías enerxéticas máis seguras, limpas, eficientes e respectuosas co medio ambiente.

O profesor Luis Lugo forma parte do comité de xestión da rede

Liderada pola doutora Leonor Hernández da Universitat Jaume I, a Universidade de Vigo é unha das integrantes do comité de xestión da rede. “Levamos xa varios anos traballando nestes temas e para nós formar parte desta acción e do propio comité de xestión é unha grande oportunidade”, recalca Lugo, quen explica que ademais do seu grupo, Física Aplicada II, tamén está integrado na rede o grupo de Enxeñaría Solar e Refrixeración, baixo a dirección do profesor José Fernández Seara. “Na nosa Universidade o traballo focalízase na mellora dos sistemas  de transferencia de calor e almacenamento enerxético”, explica Lugo, ao que engade que, “de feito”, concedéronlle xa varios proxectos de investigación do programa Retos do Ministerio de Economía e Competitividade, algúns deles en colaboración co grupo NaFoMat da Universidade de Santiago de Compostela e o apoio de compañías do sector como a Fundación Iberdrola, Enel Green Power ou ArcelorMittal.

“Se ben actualmente existen xa algunhas aplicacións a gran escala como a que nós estamos a tratar de desenvolver, a maioría dos nanofluídos atópanse aínda nun nivel de preparación tecnolóxica, polo que unha investigación coordinada entre diferentes grupos internacionais é clave para conseguir superar a barreira da aplicación comercial”, explica o responsable en Vigo da rede.

Formación punteira sobre futuras tendencias no uso de nanofluídos

Dentro das diversas actividades que leva a cabo a rede, recentemente celebrouse  na Rzeszów University of Technology unha escola de formación na que participaron preto de medio cento de especialistas de centros pioneiros do ámbito europeo. Desde a Universidade de Vigo participou como poñente o investigador do Departamento de Física Aplicada David Cabaleiro, quen agora se atopa realizando unha estadía no Consello Nacional de Investigación de Italia , na súa sede de Padua. “Esta reunión supuxo tamén un fortalecemento para a formación punteira e o coñecemento de futuras tendencias do uso de nanofluídos para os nosos estudantes de doutoramento Javier Pérez, Marco A. Marcos e José L. Iglesias”, recalca Lugo.

Durante os tres días que durou a escola, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de participar en conferencias impartidas por especialistas de diversas universidades e centros de investigación, así como de realizar un breve adestramento práctico no traballo con estes novos materiais. “Os temas tratados centráronse fundamentalmente no potencial que o uso de nanofluídos ofrece ao deseño de sistemas de captación, transporte e almacenamento enerxético”, explica Cabaleiro, que apunta tamén que, “en especial”, as e os participantes puideron coñecer e avaliar posibles aplicacións térmicas nas que estes materiais poden potenciar o uso de fontes renovables de enerxía.

Estancias internacionais

Ademais das escolas formativas, ao abeiro deste proxecto téñense tamén levado a cabo diversas estancias e colaboracións tanto dos integrantes do grupo da Universidade de Vigo no estranxeiro como por parte de prestixiosos investigadores foráneos en Vigo correspondentes á Université de Rennes 1 (Francia), CNR-National Institute of Optics de Florencia (Italia), Rzeszów University of Technology (Polonia), Gheorghe Asachi Technical University of Iaşi (Rumanía), CNR- Istituto per le Tecnologie della Costruzione de Padua (Italia), Saint Petersburg State University (Rusia), University of Lisbon (Portugal) ou na University of Birmingham (Reino Unido).