DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores e alumnado da EE de Minas e Enerxía toma parte no proxecto CAPuS

A Universidade participa na primeira iniciativa internacional de conservación e restauración da arte urbana

Con preto dun millón de euros de orzamento, remata no ano 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 29/10/2018

O seu carácter efémero e a súa desprotección de tutela de conservación, son os trazos máis salientables da arte urbana, unha manifestación artística contemporánea independente, que converte o espazo público no que se produce nun lugar para a experiencia e o diálogo artístico-social. Dentro do amplo abano de expresións que se encadran na arte urbana, nos últimos anos estase a potenciar unha modalidade comisionada ou regulada, ben por administracións públicas, movementos artísticos ou sociais, no que se encadra o muralismo contemporáneo. Aínda sen etiquetar, en canto a súa protección, tutela e carácter (efémero ou non), estes murais estanse a multiplicar no marco de festivais de arte e proxectos de conservación urbana, mesmo en cidades e localidades galegas como Vigo, Ordes, Carballo, Pontevedra e A Guarda. Precisamente, 13 murais pictóricos creados no marco de festivais (Rexenafest de Carballo ou Desordes Creativas de Ordes) ou por iniciativa das administracións (Derrubando muros con pintura de Ordes ou o proxecto de NUVIandEXFICO para o espigón do porto de A Guarda), nas urbes e vilas antes citadas, serán estudadas por un grupo de investigadoras e investigadores e alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas de Enerxía da Universidade de Vigo, ao abeiro do proxecto internacional CAPuS, Conservation of Art in Public Spaces.

Cun financiamento de preto dun millón de euros, con cargo á acción KA2 Eramus + da Unión Europea Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas, CAPuS agrupa a centros públicos de investigación e educación, administracións, ONG,s, empresas do sector da conservación do patrimonio e fabricantes de produtos de conservación de seis países: Italia, Croacia, Alemaña, Polonia, EEUU e España. Teresa Rivas, que xunto aos tamén docentes e investigadores da EE de Minas e Enerxía, Santiago Pozo e Javier Taboada, e o egresado Enrique Alonso, integra o equipo da Universidade de Vigo que participa no proxecto, explica que “CAPuS ten dous obxectivos: definir e validar procedementos de documentación, intervención directa e conservación preventiva para arte urbana e crear, con todo este coñecemento, un módulo de formación e-learning de acceso libre para as diferentes titulacións académicas e profesionalizantes no ámbito da educación superior”. CAPuS é ademais a primeira iniciativa internacional que busca sumar esforzos e capacidades de diferentes ámbitos académicos e profesionais para dar resposta ás e aos profesionais da conservación e a restauración sobre como actuar en relación coa arte urbana.

A achega da Universidade de Vigo ao proxecto

Teresa Rivas, que pon o acento no limitado dos coñecementos sobre conservación da arte urbana, así como na súa complexidade, sinala que desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo achegarán a súa experiencia sobre caracterización de materiais utilizado no patrimonio cultural (rocha e materiais cerámicos, pintura mural, graffiti), procesos de deterioro en obra e protocolos de intervención directa (limpeza, consolidación, protección), mentres que desde o punto de vista académico, asegura, que ofrecerán un contexto apropiado para validar o módulo de formación en distintos mestrados, pero sobre todo no marco do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, único en Galicia.

“Pode parecer curioso que persoal e alumnado da Escola nos dediquemos a investigar sobre arte urbana. No noso caso o coñecemento que temos sobre explotación e calidade de rochas ornamentais levounos xa hai máis de 20 anos a estudar como se deterioran as rochas no patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e como evitar ou retrasar o seu deterioro”, detalla a docente, que explica que co paso do tempo, ampliaron a súa actividade con outros materiais como pintura mural ou cerámicas, así como procesos, como a limpeza láser de graffiti, para finalmente, e grazas a este proxecto, aterrar na arte urbana. “Isto amosa a elevada competencia das persoas tituladas en enxeñaría de minas para abordar investigación aplicada en campos, en principio, tan alleos a esta profesión”, asegura Teresa Rivas.

Unha acción ilusionante que reverterá na sociedade

Rivas, Pozo, Taboada e Alonso, aseguran en relación con este proxecto que rematará no ano 2020, estar moi ilusionados porque as particularidades da conservación da arte urbana obrigan a traballar con colectivos moi diferentes (administracións públicas, fabricantes, conservadores, especialistas en artes, profesionais da Historia…), de diferentes países e con distintas lexislacións e costumes. “Isto é moi enriquecedor e por outra banda, prodúcenos moita satisfacción saber que o froito deste proxecto reverterá de xeito inmediato na sociedade, a través da creación de contidos formativos no ámbito da educación superior”, aseguran.