DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade laboral e lectiva regresará o luns día 5 de abril

A Universidade pecha as súas instalacións durante a Semana Santa

A medida responde a unha estratexia de aforro enerxético durante os períodos non lectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/03/2021

Dende este sábado 27 de marzo e ata o domingo 4 de abril, a Universidade de Vigo suspende, como vén sendo habitual, a súa actividade académica por mor da celebración da Semana Santa. Pero ademais, nesta ocasión, e tal e como se recolle nunha instrución de Xerencia, tamén os centros, todas dependencias e instalacións da Universidade de Vigo permanecerán pechados entre os días 29 ao 31 de marzo, ambos incluídos. Esta decisión xa se adoptou no curso pasado, aínda que non tivo efecto real ao estar todo o país en período de confinamento estrito, e responde a unha estratexia de aforro enerxético. 

Así, ademais de suspender a actividade lectiva, tamén se interrompe a laboral, polo que durante este período todos os centros, instalacións e dependencias da Universidade de Vigo, incluíndo os respectivos servizos, áreas e unidades de xestión, permanecerán pechados. Con todo, establecéronse un servizos mínimos para atender actividades esenciais, por exemplo no Cacti, no Cinbio-Animalario ou na Área de Tecnoloxías da Información e Comunicación. Estres días serán inhábiles para os efectos de cómputo de prazos nos procedementos administrativos. 

Os campus de Vigo e Ourense volverán á normalidade o día 5, mentres o de Pontevedra farao o 6, xa que o luns é festivo local, San Cibrán, ao coincidir San Bieito en domingo.

Unha aposta polo aforro enerxético

Estas mesmas medidas de suspensión da actividade e peche das instalación repetirase no mes de agosto, en concreto entre o 4 e o 18 de agosto, do mesmo xeito que se fixo nos dous cursos pasados. A finalidade destas medidas é reducir o custe enerxético dos campus en períodos nos que a actividade adoita ser moi reducida. A primeira experiencia piloto neste sentido desenvolveuse en agosto de 2019, de xeito que se declarou inhábil o período entre o 7 e o 19 de agosto. O peche deses trece días supuxo para institución un aforro económico de 15.000€ pero tamén un aforro en pegada ecolóxica, xa que se evitou a emisión de 58 toneladas de CO2 á atmosfera, “o equivalente a 122 vivendas unifamiliares durante un ano”, como explicou o reitor Manuel Reigosa ao Claustro meses despois. Así, o balance desta experiencia piloto foi tan positivo que a Reitoría apostou por continuar con estas medidas nos verán seguintes e amplialas tamén ao período non lectivo de Semana Santa.  

Máis información