DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traslada á Xunta para o seu estudo 17 propostas

A Universidade podería dobrar a súa oferta de títulos de master e doutor para o próximo curso 2008/2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/11/2007

O Consello de Goberno aprobou por unanimidade a proposta de remitir á Xunta de Galicia, para o seu estudo, a oferta de novos Programas Oficiais de Posgrao para o curso 2008/2009, que inclúe un total de 17 propostas de título de máster e doutor nos ámbitos tecnolóxico ,científico, xurídico-social e humanístico. Aínda que inicialmente se presentaron un total de 19 propostas, dúas non recibiron o informe favorable da Comisión de Estudos de Posgrao. Segundo a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo "reforzamos nesta convocatoria o caracter profesionalizante dos másters na Universidade de Vigo, cunha duración preferida de 60 créditos ECTS, ou sexa, un curso académico, e cunha considerable participación de empresas e institucións para a realizacion de prácticas".

Así mesmo,se presentaron unha serie de modificacións en tres POP,s actualmente autorizados(Contabilidad e Finanzas, Ciencia e Tecnoloxía Química e Dirección e Planificación de Turismo), e que requiren dun novo proceso de actualización. A Universidade de Vigo conta na actualidade con 15 programas oficiais de posgrao aprobados, con 16 planos de estudo conducentes ao título de máster, dos que nove inclúen programas de doutoramento. Aínda así ,segundo confirmou Carmen García Mateo "quedan centros sen oferta de títulos de máster, co cal o que estamos a facer e empezar a ter unha oferta de posgrao que cubre todas as liñas de titulacións de grao. En termos absolutos pode parecer que aumentamos muito, pero aínda temos que aumentar máis. O tope o marcará a oferta e a demanda". A vicerreitora lembrou que a Universidade de Vigo é das tres galegas a que menor oferta ten, pero está no camiño para acadar un número similar a Santiago e A Coruña. Pola súa banda o Reitor lembrou que despois do visto bo da Universidade de Vigo, aínda falta que estes títulos pasen dous filtros: o da ACSUG e o de viabilidade que ven determinado polo número de matriculados. Respecto do doutoramento Alberto Gago lembrou que está pendente de elaboración unha disposición, o que significa que haberá unha nova prórroga,"polo que hai que agardar".

Cara á implantación dos estudos de grao e posgrao

Trala publicación por parte do Consello Galego de Universidades do documento no que se recollen as liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao no sistema universitario de Galicia, o Reitor Alberto Gago explicou aos membros do Consello de Goberno que "se están tendo xuntanzas coas direccións dos centros e xuntas de facultade que poden optar xa de inmediato á primeira fase do proceso, tratando de despexar as dúbidas que poidamos e tratando de participar no debate, brindándolles todo o apoio que precisen".
O Reitor recoñoceu que esta primeira fase que se abriu para as titulacións exclusivas, espertou unha preocupación no resto de titulacións que "non ten sentido, xa que o 90% irá a un ritmo normal ao longo de 2008, e todas cos mesmos problemas e as mesmas solucións". Gago confirmou que na Universidade se traballa para que haxa unha discusión da oferta xeral, por ámbitos, e coa vontade de que os plans de estudo acaden o maior acordo. Para o Reitor "queda en mans das titulacións pensar no seu futuro. Este é o momento de sentarse, pensar e contar coa complicidade do equipo de goberno".

A Universidade aumenta a súa presenza

O Consello tamén aprobou a participación da Universidade de Vigo na Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e da Autenticidade Alimentaria de Galicia e no Consorcio Termigal. A fundación ten como actividades fundacionais: a realización de proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación; concepción e realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas;colaboración coa administración en proxectos relacionados coa carne e fomento dos productos agroalimentarios. A representación da Universidade no padroado da fundación corresponderá ao vicerreitor do campus de Ourense, Juán Franciso Gálvez e o director do CITI, Lorenzo Pastrana.
Pola súa banda o Consorcio Termigal ocúpase principalmente da coordinación xeral das actividades de produción, desenvolvemento e difusión dos recursos terminolóxicos da lingua galega, contando coa participación da Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as tres universidades galegas.O encargado de representar á Universidade no padroado do consorció será Xosé Henrique Costa, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
O Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada hoxe tamén aprobou a proposta de normativa reguladora do procedemento para a tramitación e aprobación de convenios na Universidade de Vigo