DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá solicitarse ata o 6 de marzo

A Universidade pon en marcha unha nova axuda complementaria para o alumnado participante no programa de mobilidade SICUE

A contía será de 1500€ para as estadías de curso completo e de 750€ para de un cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 24/02/2023

Cada curso, a Universidade de Vigo envía arredor dun cento de estudantes a outras universidades españolas no marco do programa de mobilidade SICUE e recibe preto de 50. Pero a participación nesta convocatoria de intercambio implica para as familias un custo económico extra que, en determinados casos, é imposible asumir. Para garantir a igualdade de oportunidades e asegurar que ningún alumno ou alumna quede excluído da mobilidade por razóns económicas, a UVigo acaba de poñer en marcha unha nova liña de axudas complementarias para as e os estudantes da institución que participen neste programa de intercambio entre centros universitarios españois.

A contía máxima de cada bolsa será de 750 euros para as mobilidades de curso completo e de 750 euros para dun só cuadrimestre, e o pagamento realizarase conforme un 80% se reciba no mes de setembro e o 20% restante ao finalizar a mobilidade. O prazo para solicitar unha destas axudas remata o vindeiro 6 de marzo e para facelo cómpre estar matriculado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023 en titulacións oficiais de grao, tanto en centros propios como en centros adscritos de titularidade pública que impartan titulacións non ofertadas en centros propios, como é o caso das tres escolas de Enfermaría de Ourense, Pontevedra e Meixoeiro. Ademais, o alumnado solicitante debe ter solicitada praza na convocatoria de mobilidade SICUE para o curso académico 2023/2024.

Ademais, as e os estudantes solicitante deberán cumprir unha serie de requisitos económicos relacionados tanto coa renda familiar como co patrimonio que se recollen nas bases da convocatoria.

Un programa de mobilidade en crecemento

Este programa de intercambio entre universidades nacionais é unha opción cada vez máis demandada polo alumnado da Universidade de Vigo. Nos últimos anos, con excepción do curso 2020/2021 marcado pola pandemia, a demanda dunha praza SICUE non parou de crecer. De feito, para este curso son 133 os estudantes da UVigo que solicitaron completar os seus estudos noutra facultade española. O curso pasado a cifra foi de 130, mentres que antes da covid, no curso 2019/2020 foron 100, no 2018/2019 80 e no 2017/2018 96. A comezos da década pasada, no curso 2010/2011 a cifra era de 67, co cal na actualidade a demanda deste tipo de prazas practicamente dobrouse. O mesmo sucede co alumando doutras universidades que chega aos campus da UVigo cunha bolsa SICUE, que pasou dos 17 do curso 2010/2011 aos 50 que hai no curso actual.