Repartiranse un total de 3600€, con tres primeiros premios de 700€
A Universidade premiará as mellores poesías, relatos curtos e traducións en lingua galega
O prazo de presentación dos traballos está aberto ata o 27 de marzo
Un curso máis, a Área de Normalización Lingüística volve pórse á procura dos mellores traballos de poesía, relato curto e tradución escritos en lingua galega. Esta nova convocatoria mantén un orzamento de 3600 euros en premios para as tres categorías, con tres primeiros premios de 700€ e dous accésits por categoría de 250 euros cada un.
Neste certame pode participar calquera membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, con excepción da modalidade de tradución, na que non poderá presentar propostas o profesorado que imparta docencia no Grao en Tradución e Interpretación, no Grao en Linguas Estranxeiras, no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios ou no Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.
O prazo de presentación dos orixinais permanecerá aberto ata o 27 de marzo ás 14.00 horas.
Bases da convocatoria
Para participar neste certame, as persoas interesadas deberán presentar traballos orixinais escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega. Os textos deberán ser inéditos, non premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou estar pendentes de concesión doutro premio.
No que se refire ás modalidades de poesía e de relato curto o tema será libre e a extensión deberá estar entre os 100 e 150 versos no primeiro caso e entre as 2500 e 6000 palabras no segundo. Na modalidade de tradución, o texto fonte poderá proceder de calquera xénero (literatura, ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos), en calquera idioma e cun mínimo de 2500 palabras e un máximo de 6000.
Na convocatoria dos premios poden consultarse os lugares de presentación dos traballos, así como o xeito de facelo para garantir o anonimato das e dos participantes, asegurando así a imparcialidade do xurado, que estará presidido polo reitor ou persoa en quen delegue, e integrado por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da creación poética e narrativa, da crítica literaria e da tradución. A entrega de premios ás persoas gañadoras terá lugar, como é costume, no acto institucional da Universidade de Vigo con motivo do Día das Letras Galegas de 2026.
