DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor confirmou que a negociación para adquisición de edificios en Vigo está en “stand-by”

A Universidade presenta un novo Plan Estratéxico que aposta pola colaboración público-privada e o achegamento á sociedade

Representantes do tecido empresarial participaron, xunto coa comunidade universitaria, no seu deseño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/05/2021

O novo Plan Estratéxico da Universidade de Vigo dotará á institución académica dunha folla de ruta ata o ano 2026. O documento, froito dun traballo de reflexión conxunta de todos os colectivos da institución e tamén dos axentes sociais, foi presentado este martes en sociedade polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, acompañado dos presidentes das confederacións de empresarios de Galicia e de Pontevedra e do Consello Social, xa que o tecido empresarial formou parte do proceso de deseño desta guía de actuación 2021-2026. 

Este Plan Estratéxico substitúe ao aprobado en 2008 e nel a institución trata de definir onde e como se desexa ver dentro de cinco anos, delimitando as políticas e as medidas que se deben implantar para facer realidade ese obxectivo. Un dos eixos fundamentais do texto é o achegamento da UVigo á súa contorna, tanto social como económica, poñendo as súas fortalezas ao servizo da sociedade “para que o progreso sexa evidente”, como destacaba o reitor. Reigosa agradeceu a colaboración a Juan M. Vieites Baptista de Sousa, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; e Jorge Cebreiros, presidente da CEP e o traballo desenvolvido por Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional e polo profesor Jacobo Porteiro, encargados de pilotar este proceso. 

Rivo foi a encargada de presentar un documento feito “con moito agarimo e esforzo nos últimos anos” co que a institución se marcou o obxectivo “de achegarnos cada vez máis á sociedade e ao tecido empresarial”. Neste sentido, Reigosa remarcou que “no ADN da Universidade de Vigo sempre estivo a colaboración público-privada” e engadiu que se trata dun “documento vivo” que ser irá actualizando e reformulando segundo as necesidades dunha contorna de crise, “porque queremos ser parte da solución para os problemas que ten Galicia e que ten a nosa sociedade”. 

Precisamente, o novo Plan Estratéxico inclúe entre os 29 obxectivo que o compoñen, a necesidade de achegar o campus vigués á cidade, trasladando titulacións ou servizos ao centro. A este respecto, ante as preguntas dos medios de comunicación, o reitor lembrou que a institución está a levar a cabo un proceso de debate interno e, mentres non se determine que titulacións teñen interese no traslado, o proceso para adquirir novos edificios está en “stand-by”, en referencia tanto aos inmobles de López Mora como ás instalacións da ETEA. 

Un proceso de conxunto cheo de sinerxías

Tanto os presidentes da CEG e da CEP, Vieites e Cebreiros, como do Consello Social, Pedrosa, amosaron a súa “satisfacción” polo feito de que Universidade involucrase ao tecido empresarial no proceso de elaboración do novo texto. Este é, segundo o presidente da CEP “o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, pero tamén é o Plan Estratéxico do sur de Galicia e mesmo diría que de toda Galicia, porque na medida na que a UVigo traballe nestas liñas trazadas e acade o éxito, será un éxito tamén para a cidadanía, para Galicia e para as confederacións de empresarios ”.

Respecto dos obxectivos marcados neste plan, Vieites puxo en valor a importancia da formación ao longo da vida, a formación flexible que se adapte ás “sempre cambiantes necesidade das empresas”, a dixitalización e o fortalecemento dos lazos entre a institución académica e a sociedade. De feito, respecto dos 29 obxectivos recollidos no Plan Estratéxico, Vieites destacou tres que, dende a CEG, lles parecen relevantes: desenvolver programas formativos conxuntos coas empresas e coas institucións que melloren a empregabilidade do estudantado; desenvolver unha oferta de titulacións propias, tanto presencial como en liña, que responda ás necesidades da contorna; e impulsar a colaboración público-privada.

Pedrosa, pola súa banda, remarcou o papel que as universidades desenvolveron durante a pandemia, tendo que adaptarse a situacións cambiantes, desenvolvendo a docencia virtual, dando resposta ás demandas da sociedade e poñendo en marcha proxectos para facerlle fronte á covid-19. “Como sociedade desconcertada convocamos e invocamos máis ca nunca ás universidades”, apuntaba, que executaron a súa “potente capacidade de reacción”. Agora, explicaba, neste documento recóllese o que debe ser “esa nova universidade ideal”, un texto que serve para “vehiculizar as zonas de paso entre a Universidade e a sociedade” poñéndose “ao servizo das persoas, da cidadanía no seu conxunto, do servizo e da transparencia”.

29 obxectivos para cinco anos

Elena Rivo foi a encargada de presentar os detalles do documento, que se elaborou a partir dunha diagnose DAFO (Debilidades-Ameazas-Fortalezas-Oportunidades) tanto interna como externa. No proceso redefiniuse a misión da institución, fixándose como meta “contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento”. Tamén se identificaron cinco eixos arredor dos que xirou todo o proceso (formación; investigación e transferencia; persoas; organización e os recursos e relación coa sociedade) así como tres valores transversais que están presentes en todo o plan (fomento da lingua galega, defensa da igualdade  e internacionalización). A isto súmanse os obxectivos de desenvolvemento sostibilidade e Axenda 2030, cos que a Universidade de Vigo está aliñada. A partir destes datos, artelláronse os 29 obxectivos que a UVigo aspira a desenvolver nos próximos cinco anos, cada un deles con accións e con indicadores que permiten determinar o seu grao de cumprimento e as tarefas pendentes de realizar para acadalos. 

Proceso de elaboración do Plan Estratéxico 

O proceso de elaboración do Plan Estratéxico estivo dirixido por un comité nomeado polo Claustro e coordinado por Jacobo Porteiro. O proceso arrancou en febreiro de 2019, cando o Claustro aprobou o procedemento para a súa elaboración.  En outubro de 2020, no Claustro informouse da finalización do primeiro borrador e da súa posterior exposición pública. Tras revisar as emendas e incorporar as modificacións, foi o 16 de decembro de 2020 cando o Claustro aprobou a proposta de Plan Estratéxico, remita tamén ao Consello de Goberno, que lle deu o visto e prace o 21 de decembro. O último trámite foi a aprobación por parte do Consello Social o 23 de decembro.

O traballo artellouse arredor de tres grupos de traballo, ás que se sumou, como explicou Rivo, unha Comisión de Seguimento, que permitirá avaliar o nivel de cumprimento dos 29 obxectivos anualmente, así como adaptar e mellorar o plan de acordo co contexto e os cambios da contorna.  

A negociación para adquisición de edificios no centro de Vigo, en “stand-by”

O obxectivo 12 do Plan Estratéxico apunta á necesidade de reducir a distancia e o tempo dos desprazamentos entre os núcleos urbanos e os campus. Isto implica, segundo se recolle no documento, desprazar centros e servizos ao centro da cidade de Vigo e mellorar as condicións do transporte público aos campus. Respecto deste proceso, o reitor lembrou que as decisións que se tomen serán por consenso e mentres non as haxa, os procesos de negociación para a adquisición de inmobles tanto en López Mora como na ETEA están en “stand-by” ata saber se existe interese real de algún centro para o traslado. Respecto desta última localización, o reitor aposta porque a UVigo estea presente no polo mariño que se vai xerar co traslado dos dous centros do CSIC relacionados coa investigación mariña. “É unha xanela de oportunidade que non debería deixar pasar”, ben sexa a través do traslado de investigadores, da escola de posgrao ou facendo “algo máis rompedor como é mover unha ou varias facultades”.

En calquera caso, puntualizaba o reitor, “o debate debe ser profundo e sosegado dentro da comunidade universitaria” e, de momento, o equipo de goberno ten en marcha dúas enquisas, unha entre 14.000 egresados da institución e outra entre todos os institutos de Galicia para coñecer como influiría a situación das escolas e facultades á hora de elixir estudos. En ambos casos xa se recibiron máis de 1000 respostas. En próximas datas porase en marcha unha terceira enquisa, centrada na comunidade universitaria, coa intención de coñecer a postura de cada escola e facultade respecto do posible traslado de títulos. Neste sentido, o reitor remarcou que será cada centro o que decide se aposta ou non por iniciar o proceso de cambio de sede tanto a López Mora ou á ETEA como a outras posibles localizacións que poida xurdir no futuro.
 

Video completo do evento