DUVI

Diario da Universidade de Vigo

17 facultades e escolas contan cun stand dentro do espazo da institución neste salón da educación

A Universidade proxéctase en Edugal coa súa maior representación nesta feira

Máis de 5000 estudantes pasarán nestes días polo Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/02/2019

Máis de 5000 estudantes, segundo a organización, pasarán entre este mércores e este venres pola oitava edición do Salón de Oferta de Educación e de Formación de Galicia Edugal, que nesta xornada celebrou a súa inauguración no Pazo da Cultura e no que a Universidade de Vigo participa coa súa maior representación ata a data no evento que promove a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e que reúne a un total de 56 expositores. 17 facultades e escolas dos tres campus contan cun stand propio no espazo no que a institución académica busca achegar información e asesoramento aos que poden ser os seus futuros alumnos e alumnas. 

“Os rapaces que veñen a Edugal están terminando o Bacharelato, a ESO ou unha FP, teñen que tomar decisións e para que poidan elixir con criterio, deben ter toda a información”, salienta a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Ordenación Universitaria, Natalia Caparrini. Con ese propósito, a Universidade de Vigo proxéctase nesta feira cun espazo presidido por un stand no que obter información das diferentes titulacións e aos que se suman os 17 postos das diferentes facultades e escolas. A estes engádese á súa vez a participación de Bioloxía nas charlas de orientación universitaria nas que participan representantes de titulacións de diferentes ámbitos, sendo así 18 os centros da Universidade presentes en Edugal. “Para nós é fundamental estar aquí, porque aquí está o futuro da Universidade, todos aqueles alumnos e alumnas que dalgunha forma están preguntándose que van a facer o día de mañá e aos que lles ofrecemos información de primeira man dun abano de posibilidades da máxima calidade”, engadía o vicerreitor do campus, Jorge Soto tralo acto inaugural desta feira, que contou coa participación de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, un dos organismos colaboradores neste salón. 

Gafas de realidade virtual, robots ou monoprazas

Ademais de ofrecer información e atender as dúbidas e inquedanzas dos e as visitantes, diferentes centros achegan a Edugal unha serie de mostras prácticas dos traballos e saídas profesionais vinculadas ás súas titulacións. Así, a Escola de Enxeñería Industrial exhibe un robot industrial colaborativo, unha cámara termográfica, unha mostra de novos materiais vinculados a enxeñaría biomédica ou o monopraza da escudaría UVigo Motorsport. “Creo que para a toma de decisións é importante que os rapaces teñen a maior información posible e poder explicarlles máis polo miúdo certas cuestións dos graos, os seus perfís profesionais e as súas saídas”, salienta o seu director, Juan Pardo.  Unha maqueta dun dos nanosatélites deseñados pola Agrupación Aeroespacial da Universidade e a demostracións de softwares desenvolvidos por AtlantTic e que permiten, por exemplo, xerar automaticamente subtítulos nunha gravación audiovisual ou recoñecer as caras daqueles e aquelas que saen na imaxe e identificalos constitúen dúas das propostas que a EE de Telecomunicación reúne no seu stand, mentres que a EE Forestal presenta a súa formación con, entre outras propostas, mostras da súa xiloteca e do seu herbario. A Facultade de Historia, pola súa banda, suma aos diferentes materiais do seu stand un xogo no que se presentan “unha serie de cousas que non existirían se non houbese xente traballando en saídas diferentes ás que habitualmente se asocian á Historia”, explican a egresada Begoña Garrido e o estudante David Corbacho.

Tamén da man do alumnado do centro, a ES de Enxeñaría Informática combina a información cunhas gafas de realidade virtual coas que probar un xogo desenvolvido por un estudante do centro, e que simula “unha scape room na que teñen que buscar unha serie de pistas”, explica Sara Pallas, da delegación de alumnado. Esta mostra práctica dos traballos e saídas está igualmente presente nos stands da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, que, entre outras opcións, permite coñecer como se realiza a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP), e da EE de Minas e Enerxía, cunha maqueta dunha explotación mineira ou mostras dos materiais extraídos dunha sondaxe. “Do que se trata é de recrear un pouco o que é o proceso desde a extracción dos minerais ata o produto final”, explica o subdirector da escola Santiago Pozo. 

Na busca de visibilidade

“É importante ensinar as opcións que existen na Universidade para que o alumnado busque cal é a súa motivación”, sinala Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeuronáutica e do Espazo, que acude a Edugal por primeira vez cun drone de ala fixa, “para captar as miradas da xente”. Outros, como a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, repiten presenza un nun salón que permite “dar a coñecer as nosas titulacións aos futuros estudantes, que vexan que que son titulacións atractivas e con proxección de futuro profesional”, como salienta o seu decano, Vicente Romo. Outros, como a Facultade de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación achegan traballos do seu alumnado aos seus stands nun evento que constitúe unha oportunidade de "darnos a coñecer e dar visibilidade ao centro e aos nosos títulos", salienta o vicedecano da Facultade de Filoloxía e Tradución Jorge Figueroa. As facultades de Ciencias da Educación, Ciencias do Mar, Ciencias Empresariais e Turismo, Ciencias Xurídicas e do Traballo e Fisioterapia completan a representación da Universidade nunha feira na que tamén conta cun espazo o Pont Up Store, o encontro de emprendemento que a Universidade, dentro do Campus Crea, promove xunto co Concello de Pontevedra.