DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade universitaria organizou diferentes iniciativas arredor do 25 de novembro

A Universidade receita 'pílulas de igualdade' contra as violencias machistas

Águeda Gómez reclama o papel “exemplarizante e pedagóxico” que xoga a institución universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 25/11/2019

Neste 25 de novembro, Día Internacional contra as violencias machistas, a Universidade de Vigo receita algunhas “pílulas de Igualdade” e faino a través de diferentes iniciativas: a principal, o lanzamento de varias pezas audiovisuais de pequeno tamaño dirixidas a prever este tipo de violencias e a sensibilizar ao alumnado sobre o uso inaxeitado das novas tecnoloxías; pero tamén o fixo a través da adhesión a diferentes manifestos pola eliminación da violencia contra a muller,  dunha concentración diante da Facultade de Ciencias da Educación  do campus de Ourense ou mesmo da apertura dunha exposición na Biblioteca Central con libros que teñen como principal temática a violencia machista.

“É moi importante que as universidades españolas, a través do manifesto da CRUE, amosemos unha firme postura de denuncia deste grave problema social que ten ver coa violencia contra as mulleres que sufrimos en diferentes formas e en distintas intensidades”, explica a responsable da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, ao tempo que fai fincapé en que as institucións de ensino superior, como espazos de formación e referentes sociais, deben mostrar unha postura “exemplarizante e pedagóxica cara o resto da sociedade”, máxime nun contexto de emerxencia dun machismo negacionista e misóxino que quere provocar unha involución civilizatoria e unha ruptura unilateral dos grandes consensos socialpolíticos realizados nos últimos anos en torno a este tema, tales como o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, entre outros".

Inspirado no realizado pola Rede de Unidades de Igualdade (Riuge) do estado español –ao que a UVigo tamén se adheriu-, este ano o manifesto da CRUE foi unha iniciativa que naceu nas unidades de igualdade das tres universidades galegas, xa que no 2020 Galicia acollerá a reunión anual da Riuge, polo que este documento “ten elementos 100% galegos no seu xerme e mostra a colaboración e cooperación estreita que as tres Unidades de Igualdade do SUG estamos a desenvolver”, recalcou Gómez.

“Este é un acto para reivindicar, non para celebrar”

O campus de Ourense tamén se sumou este luns á reivindicación dunha sociedade igualitaria libre de violencia de xénero. Alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias da Educación, entre os que estaban a propia directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez, e Mar García, decana do centro, concentráronse na entrada do Edificio de Ferro para visibilizar esta problemática e o compromiso coa súa erradicación. O acto tamén incluíu unha visita aos dous murais realizados por catro alumnas da facultade, Raquel Fernández, Jéssica Cáliz, Candelaria Alasino e Sandra Maceira, nos que se recolle información de cada unha das vítimas de feminicidio no que vai de 2019 en España e se convida aos membros da comunidade universitaria a facer propostas ou amosar a súa visión sobre esta cuestión. “Temos que incidir en acabar coas situacións de violencia de xénero e que os agresores queden cada vez máis illados. Temos que ter tolerancia cero coa violencia machista”, recalcou Águeda Gómez trala concentración. “Este é un acto para reivindicar, non para celebrar”, subliñou pola súa banda a catedrática María Lameiras, que fixo fincapé en como a erradicación da violencia de xénero “é un traballo de todos e todas”. “Que este acto sirva como o noso pequeno grao de area para reivindicar medidas educativas, políticas, sociais contra a violencia de xénero”, dixo Mar García, que fixo fincapé no papel das e dos futuros educadores presentes nesta loita. 

Cinco pílulas, cinco maneiras de denunciar a violencia 

Respecto ás pílulas, a directora da Unidade de Igualdade recalca que se trata, sobre todo, “de sensibilizar sobre as ‘novas’ formas de violencias machistas nas realidades en liña pois, ás veces, pasan máis desapercibidas pola súa novidosa performatividade que a propia do mundo offline”, ao que engade que as pílulas fan fincapé na presión exercida a través das redes sociais nas súas diferentes vertentes, desde as actitudes de control ata a difusión de imaxes con contido erótico.

En total estanse a difundir cinco pílulas. Unha sobre o denominado ‘slutshaming’, criticar, culpabilizar e sinalar ás rapazas por comportarse de xeito percibido como promiscuo ou fóra dos roles de xénero, o que se penaliza sen o seu consentimento. Outra sobre a cultura da violación e que fai referencia ás formas nas que a sociedade culpa ás vítimas e normaliza a violencia sexual, desde as formas máis sutís (micromachismos, abusos...) ás máis explícitas (maltrato, violación, asasinato...). Unha terceira para denunciar o control da parella a través das redes sociais; unha cuarta para lembrar grandes nomes femininos que contribuíron á ciencia con mentes brillantes e que foron silenciadas por razón de xénero e, finalmente, unha quinta peza centrada no 'sexting', unha práctica que está en alza e que se refire ao envío de mensaxes, fotos ou vídeos de contido erótico.
 
“Todas estas novas formas de violencia utilizan elementos da cultura de masas común a todas e todos, para invitar a realizar unha lectura crítica e feminista de situacións que normalizamos e que debemos erradicar da nosa sociedade, se queremos, por exemplo, acabar dunha vez coa chamada ‘cultura da violación’ tan difundida pola natrrativa porno 'maistream' ou en moitos produtos culturais como a música ou o cine”, recalca a responsable da Unidade de Igualdade.

Exposición cos libros de Bibliolab, outro xeito de receitar igualdade

A data de hoxe é tamén a elixida para inaugurar a exposición Os libros do Bibliolab, unha mostra que se poderá visitar ata o 23 de decembro na Biblioteca Central de campus de Vigo na que se recollen os volumes que foron os protagonistas deste ciclo de faladoiros impulsados pola Unidade de Igualdade como un punto de encontro para analizar e dar a coñecer os contidos dalgúns dos libros que abordan a temática da violencia machista. 

Tras desenvolver sesións nos tres campus e, a falta de celebrar o derradeiro faladoiro, os libros que protagonizaron o ciclo recóllense dende este 25 de novembro nunha exposición no campus vigués. Entre os títulos que centraron o ciclo está No camiño do vento, a obra póstuma de Sesé Mateo, asasinada pola súa ex parella en Redondela en 2017; O conto da criada, de Margaret Atwood; A dúbida, de María Reimóndez; Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas, de Tania Merelas; Vivo en una casa malva, de Iris Díaz; Leia, Rihanna & Trump. De cómo el feminismo ha transformado la cultura pop y de cómo el machismo reacciona con terror; A violencia machista institucional, coordinada por Iria Villar; Infamia de Ledicia Costas e Remexido de patacas, de Eli Ríos. Xunto con estas obras, a mostra recolle tamén volumes de ensaio que reflexionan sobre a violencia de xénero e a loita feminista e textos narrativos nos que as mulleres reivindican a igualdade fronte ás agresións machistas.