DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 500 estudantes acudiron ás xornadas de benvida celebradas na Escola de Enxeñaría Forestal

A Universidade recibe o novo alumnado presentándolle os servizos que ofrece alén das aulas

O curso académico dará comezo o vindeiro luns 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/09/2024

Nestes días sucédense nas diferentes facultades e escolas da Universidade de Vigo as presentacións nas que o alumnado de novo ingreso pode coñecer máis o detalle os centros nos que se formarán nos próximos anos e as titulacións que inician. Mais co obxectivo de que o poidan coñecer tamén os múltiples servizos que a UVigo pon a súa disposición alén das aulas, a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade promove nos tres campus unhas xornadas de benvida dirixidas tanto a proporcionarlles información como a darlles a benvida á Universidade dun xeito máis lúdico. Tras arrancar este mércores en Ourense, este evento desenvolveuse este xoves na Escola de Enxeñaría Forestal, por onde pasaron ao longo da mañá máis de 500 alumnos e alumnas.

O obxectivo desta xornada é “que teñan unha visión xeral de todos os servizos e instalacións da Universidade e de todo o que poden facer fóra das súas horas lectivas, nun formato un pouco máis lúdico”, explicaba a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini. Con esa idea, nos diferentes postos instalados na EE Forestal podían obter información sobre programas de mobilidade, transporte, aloxamento, voluntariado, asociacionsimo, bolsas e axudas ou atención á diversidade, á vez que coñecer as iniciativas da UVigo en materia de cultura, extensión universitaria, emprego e emprendemento ou deportes. Complementada por música e agasallos, esta xornada permitiu tamén informarlles da oferta académica complementaria do Centro de Posgrao e Formación Permanente e o Centro de Linguas, así como dos servizos da Biblioteca Universitaria, a Área de Normalización Lingüística ou a Unidade de Igualdade e coñecer o labor do Consello de Estudantes Ceuvi, UVigo Motorsport, UVigo Space Lab e ESN Vigo.

Ilusión no inicio dunha nova etapa

Cun 3836 prazas de grao de novo ingreso nos tres campus e a falta de que se pechen os últimos prazos á matrícula, a UVigo afronta este curso 2024/2025 cunhas cifras de ocupación “moi positivas”, recoñeceu Caparrini. “Aínda quedan os últimos chamamentos, pero practicamente todos os graos están pechados”, sinalou a vicerreitora, que lembrou que, no caso de Pontevedra, todas as titulacións de grao teñen cubertas as súas prazas de novo ingreso, coa excepción de Enxeñaría Forestal. 

Entre aquelas e aqueles que o vindeiro luns iniciarán a súa etapa na Universidade atópanse Lola Cascón e Ana Luisa Cuña, novas alumnas do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. “Desde que me matriculei, teño moitas ganas de comezar”, recoñecía Cascón nesta xornada, na que puido coñecer “as moitas posibilidades que temos” en materia de mobilidade internacional. “Moi ilusionada” amosábase tamén Cuña, natural de Brasil e que destacaba tamén o positivo desta iniciativa previa ao inicio das clases. “Sempre está ben saber que ao final a Universidade non é só para estudar, senón que hai moitas actividades”, engadía nesa mesma liña Sara Álvarez, nova alumna do Grao en Belas Artes, titulación que afronta, recoñecía, “con moitas ganas, pero sen facer moitos plans de como vai ser”. A vindeira semana iniciará tamén a súa etapa como estudante do campus Nerea Alba, que cursará o Grao en Educación Infantil, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Veño dun ciclo de educación infantil e quero completar os meus estudos, pero ao final os nervios por comezar son os mesmos”, recoñecía neste acto.

Tras desenvolverse en Ourense e Pontevedra, a terceira e última destas xornadas de benvida terá lugar mañá venres no pavillón universitario do campus de Vigo, entre as 10.00 e as 13.00 horas.