DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa pioneira no Sistema Universitario Galego 

A Universidade reforza o seu compromiso cos países en vías de desenvolvemento convocando bolsas para a realización de TFG e TFM

As e os beneficiarios realizarán estadías de ata dous meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/05/2019

Países da África lusófona, América do Sur e os Balcáns serán o destino das e dos estudantes da Universidade de Vigo que acaden unha das bolsas de mobilidade RSU e Axenda 2030 para a realización de Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster en países en desenvolvemento 2018-2019 que convoca a Universidade de Vigo. A iniciativa da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, co apoio do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos, converte á institución académica viguesa na primeira universidade galega en poñer en marcha este tipo de convocatoria, que se pretende converter nun dos eixos centrais da cooperación ao desenvolvemento da institución.

“É unha mostra do noso compromiso cos países en vías de desenvolvemento e as entidades sociais, en aras de aliñar a formación que se recibe coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas”, explica Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, que considera que con este tipo de accións se fomenta a construción de pontes entre a Universidade e a comunidade, “o que implica, en último termo, a transformación social e de todos os axentes participantes do proxecto”, explica Doval. 

As e os estudantes que soliciten unha destas bolsas deberán comprometerse a defender o seu TFG ou TFM neste curso ou no seguinte en temáticas relacionadas coa Axenda 2030 e os 17 obxectivos de desenvolvemento sostible: saúde e benestar, enerxía accesible e no contaminante, traballo decente e crecemento económico, redución das desigualdades, etc.. ; cooperación ao desenvolvemento: cooperación financeira, axuda alimentaria e humanitaria, dereitos humanos, ONG, cooperación universitaria, etc..; e responsabilidade social corporativa: política públicas inclusivas, inclusión de persoas con discapacidade no emprego público, código ético nas organizacións públicas e privadas o mellora na xestión de prevención de riscos laborais. As solicitudes para optar a unha destas bolsas, que teñen unha duración mínima dun mes e máxima de dous e unha contía máxima de 2000 euros, poderán presentarse ata o vindeiro 10 de maio.

Incentivar a conciencia social pola situacións dos países en vías de desenvolvemento

“Con esta convocatoria intentamos incentivar que aqueles estudantes que teñen conciencia social e sensibilidade pola situación dos países en vías de desenvolvemento poidan elaborar o seu TFG ou TFM sobre algún aspecto relacionado cos 17 Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, coa cooperación ao desenvolvemento ou coa responsabilidade social”, explica Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo. Ademais, as bolsas permitirán ás e aos beneficiarios realizar unha estadía, dun máximo de dous meses de duración, para elaborar parte do traballo nun país de América Latina, da África lusófona ou dos Balcáns, baixo o paraugas dunha ONG ou entidade social que estea a realizar labores de cooperación sobre o terreo neses países. 

“Trátase de facilitar procesos de aprendizaxe-servizo (APS) á comunidade mediante a participación activa do estudantado, consolidando unha aprendizaxe significativa e co obxectivo de mellorar as necesidades dunha comunidade vulnerable ou vulnerada”, destaca Maribel Doval, que agarda que a iniciativa teña unha boa resposta por parte do alumnado ao que se dirixe, garantindo así a súa continuidade. Pola súa banda, Xosé Mahou destaca que “o estudantado que participe vai vivir unha potente experiencia ao coñecer e mergullarse nunha realidade tan distinta e allea á nosa, pero á vez tan gratificante e enriquecedora, tanto dende o punto de vista persoal como formativo. Serán os embaixadores da Universidade de Vigo neses países á vez que nos enriquecerán á chegada con novas perspectivas do que debe ser o papel da universidade no campo da cooperación”, explica.

Ao estar a estadía nun país en vías de desenvolvemento vinculada á elaboración do TFG ou do TFM, o alumnado participante poderán acceder a datos e información sobre o terreo, sempre coa axuda e supervisión dunha ONG, o que lle permitirá imprimirlle aos seus traballos un compoñente práctico e ético na procura de solucións a problemas reais en contextos concretos.