DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante o acordo asinado nesta xornada na sede da Vicerreitoría

A Universidade reforza a súa colaboración coa Semana Galega de Filosofía

Á súa vez, a Semana da Creatividade contará coa participación da Aula Castelao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 03/03/2023

Un ano máis, a Universidade de Vigo colaborará coa Semana Galega de Filosofía, que baixo o título de Filosofía e arte, desenvolverase do 10 ao 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. A sede da Vicerreitoría do campus acolleu este venres o acto de sinatura do anexo ao acordo marco que a institución académica mantén desde 1996 coa Aula Castelao de Filosofía, no que se define a colaboración da UVigo coa 39 edición destas xornadas. A maiores, a Aula Castelao sumarase por primeira vez neste 2023 ás actividades da Semana da Creatividade, que o campus desenvolverá a finais do mes de abril.

“A Aula Castelao colaborará con nós na Semana da Creatividade, axudándonos na organización dalgunha actividade”, adiantou neste acto a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, que explicou que desde a Vicerreitoría atópanse xa traballando na definición dun programa “que cremos que vai ser especial e vai dar moita visibilidade ao campus, tanto a nivel institucional como social”. Nese senso, Lantarón puxo o foco no “positivo” de renovar a colaboración cunha entidade como a Aula Castelao, “que polo seu percorrido e contactos pode enriquecer moito a programación e a organización das actividades que poidamos desenvolver”, nas xornadas que promoverá no mes de abril o Campus Crea. 

Ao mesmo tempo, a vicerreitora incidiu tamén no positivo do apoio a un evento como a Semana Galega de Filosofía, que ademais centrará esta edición “nunha temática directamente vinculada co campus”, como é a arte. Nesa mesma liña, o coordinador da Aula Castelao, Alexandre Cendón, destacou que “para nós é moi importante que unha institución educativa como a Universidade de Vigo colabore con nós, tanto a nivel económico como de infraestruturas”. Nun encontro no que estivo acompañado polo vicecoordinador da aula, Xoán Carlos Garrido, Cendón lembrou que a UVigo “leva colaborando case 30 anos” coa Semana Galega de Filosofía, que tamén conta co apoio do Concello de Pontevedra e da Consellería de Educación, o que “é un xeito de amosar que podemos facer cousas entre todos”. 

Filosofía e arte

Con sesións de mañá, tarde e noite, o Teatro Principal será o escenario, do 10 ao 14 de abril, desta 39 edición da Semana Galega de Filosofía, que terá na arte o seu núcleo temático. “Sempre foi unha teima que tivemos aí, porque a arte é tamén un espazo interesante no que centrarnos e sobre o que reflexionar”, sinalou Cendón, que explica que con esta elección buscaron tamén "un xiro" con respecto "ás temáticas anteriores", tendo en conta ademais “que en Pontevedra está tamén a Facultade de Belas Artes, que é algo senlleiro”.

A programación desta edición, “coa que comezamos xa a celebración dos 40 anos da Aula Castelao”, presentarase o vindeiro venres 10. Entre os conferenciantes, como adiantaron esta semana, atopánse tanto o catedrático da Universidad de Murcia Francisco Jarauta, como a escritora e científica do CSIC Remedios Zafra. Ademais dos relatorios que terán lugar no Teatro Principal, o acordo asinado estes venres contempla tamén, ao igual que en anteriores edicións, a posibilidade de organizar actividades como conferencias que poidan levar ao campus a algúns dos relatores e relatoras participantes.