DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pola súa función formadora, investigadora, como axente sensibilizador e facilitador de alianzas

A universidade reivindica o seu papel como “axente clave” na cooperación ao desenvolvemento

O reitor salienta o compromiso universitario con América Latina, a lusofonía, o Magreb e os Balcáns

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/11/2018

Pola súa función formadora e investigadora, polo seu importante papel como axente sensibilizador, pola súa capacidade para crear alianzas multiactores e por ser unha especie de microcosmos, un laboratorio de experiencias que vai ou debería ir un paso por diante do resto da sociedade. Por todos estes motivos e por algún máis, a universidade reivindicou este luns o seu papel como axente clave na cooperación ao desenvolvemento.  Fíxoo na apertura das Xornadas A cooperación universitaria ao desenvolvemento ante a Axenda 2030, unha cita organizada pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento xunto coas tres universidades galegas e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

“Pensamos que os tempos son chegados para falar de cooperación universitaria ao desenvolvemento e da Axenda 2030 e para iso estamos aquí” salientou Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Cooperación e Internacionalización na inauguración das xornadas, acto que estivo presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e que contou tamén coa participación de Silvana Longueira, que falou en nome da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.  Por diante quedan dous días nos que se achegarán ata o campus de Vigo algún dos nomes máis destacados entre as persoas que a día de hoxe traballan en España en cuestións relacionadas con estas temáticas.

Ao longo destes días os máis de medio centenar de asistentes as xornadas terán a oportunidade de escoitar diferentes experiencias de boas prácticas levadas a cabo noutras universidades, todo unha oportunidade para aprender, pero tamén, tal e como recalcaron na inauguración, para definir o perfil que se quere debuxar nas tres universidades galegas na cooperación universitaria. “Somos un axente distinto e como actores singulares temos que definir cales son as nosas metas”, recalcou Longueira na inauguración.

Manuel Reigosa: “O primeiro é concienciarse e o segundo actuar”

“Nós somos especialmente partidarios da cooperación e da colaboración, do acordo con outras forzas para tentar que entre todos poidamos facer moito máis”, salientou na súa intervención o reitor vigués, Manuel Reigosa, que lembrou que a universidade debe ser universal e dentro desa universalidade hai que ser conscientes do crecemento das desigualdades que hai entre países e pobos. “O primeiro é concienciarse e o segundo actuar”. Nese sentido o reitor vigués apostou porque no futuro o alumnado universitario e, máis concretamente o da Universidade de Vigo, teña unha formación en cooperación ao desenvolvemento, porque ademais de formar egresados e egresadas que teñan unha capacitación profesional adecuada sexan tamén voces críticas e cidadáns formados que poidan xogar dentro da sociedade un papel de eliminación desas inxustas diferenzas que hai agora mesmo na sociedade.

Reigosa recalcou tamén que a idea do novo equipo de goberno vai dirixida a cooperar con aqueles ámbitos nos que a Universidade de Vigo é máis forte e onde será máis doado lograr que flúan os seus coñecementos e as súas formacións. Nese sentido salientou que Vigo está especialmente comprometida como institución con determinados colectivos e países, sobre todo América Latina, a lusofonía, o Magreb e os Balcáns. “Penso que nós temos bastantes cousas que modestamente podemos ofertar, tanto como institución educativa como institución investigadora, tecnolóxica e de gobernanza”, salientou Reigosa, que non dubidou en afirmar que os beneficiarios da axuda viguesa “serán máis que nada compañeiros e colaboradores que traballen connosco, que eles mesmos sexan os que permitan que a súa sociedade se desenvolva axeitadamente”.

No caso concreto da Axenda 2030 Doval salientou que esta nova folla de ruta supón un punto de inflexión, un novo espazo de oportunidades non só para a cooperación universitaria ao desenvolvemento senón para o conxunto das súas políticas universitarias, “por iso queremos reflexionar de xeito colectivo sobre que implicacións teñen o cumprimento dos obxectivos da axenda dentro das nosas estruturas e actividades”, recalcou.

Cinco funcións claves que só a universidade pode cumprir

A primeira conferencia das xornadas correu a cargo de José Antonio Alonso, catedrático de Economía Aplicada na Universidad Complutense de Madrid, membro do Committee for Development Policy das Nacións Unidas e experto do Consejo de Cooperación al Desarrollo español. Na súa intervención centrouse nos propios contidos da Axenda 2030, no papel da Universidade nesa axenda e na descrición de cales son os principais ámbitos de cooperación ao desenvolvemento universitario.

Desde o punto de vista deste experto hai cinco funcións que a universidade debería desenvolver con respecto á Axenda 2030, cinco funcións nas que ninguén pode substituíla nesas tarefas “cando menos coa mesma eficacia ca pode facelo ela”, salientou. Falou do seu papel como axente formador e investigador, “non só nos ámbitos máis sociais, senón tamén nos tecnolóxicos, orientando esforzos investigadores, desde os máis modestos, realizados polo propio alumnado a través dos seus Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado e das súas teses de doutoramento, ata os máis estratéxicos referíndome aquí as liñas de investigación prioritarias que marque para si cada universidade”, salientou o experto.

A estas dúas funcións básicas sumou a súa capacidade de sensibilización, “a Universidade é un punto referente para crear ideas no conxunto da sociedade”; de sumar actores diversos en contornas de articulación de esforzos conxuntos, “faltan pontes que conecten aos actores e neste sentido a Universidade ten todos os papeis para traballar con ONGs, empresas, gobernos, sindicatos...”; e, por último, o feito de constituír un microcosmos proclive á construción de novos modelos de comportamento social.

Tras unha pausa café de comercio xusto, as xornadas continuaron cunha mesa redonda na que cada unha das tres universidades galegas expuxo as súas propias experiencias en Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento. Por parte da Universidade de Vigo contouse coa participación dos profesores Carlos Fernández Jardón, Xavier Martínez Cobas e Gonzalo Méndez.