A través do acordo asinado pola vicerreitora do campus e o presidente da Aula Castelao
A Universidade renova o seu apoio á Semana Galega de Filosofía
Cos alimentos como eixe temático, terá lugar do 6 ao 10 de abril
Na que será a súa 42 edición, que terá lugar entre o 6 e o 10 de abril, a Semana Galega de Filosofía contará novamente coa colaboración da Universidade de Vigo. A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, asinaban nas últimas horas o anexo ao convenio marco que a institución académica mantén desde 1996 coa asociación promotora deste congreso. Deste xeito, a UVigo mantén un ano máis o seu apoio a un evento que neste 2026 terá nos alimentos o seu eixe temático, así como a colaboración coa Aula Castelao, que participará novamente na organización das xornadas Pensamento e Creación do Campus Crea.
“Valoramos moi positivamente a continuidade desta colaboración”, subliñou Lantarón, para quen esta “alianza” coa Aula Castelao “reflicte a implicación activa da UVigo na difusión da filosofía máis aló do campus”. A Semana Galega de Filosofía, lembrou a vicerreitora, é un “evento inclusivo” que propón “unha reflexión plural, con achegas de pensadores e investigadoras de diversos campos, o que permite á nosa comunidade académica ampliar horizontes, intercambiar ideas e situar á Universidade como un nodo activo no debate filosófico actual”, así como achegar “o pensamento á cidadanía”. Nesa mesma liña, Cendón incidiu tamén no valor de que a UVigo “se manteña conectada con asociacións e entidades relacionadas co mundo do saber e da creación”, como a Aula Castelao.
Filosofía e alimento
Mantendo o seu esquema habitual, a programación desta XLII Semana Galega de Filosofía contará con tres bloques de conferencias cada día e será presentada polas e polos responsables da Aula Castelao nas próximas semanas. Nesta edición, os diferentes relatorios agrúpanse baixo o título de Filosofía e alimento, unha temática que, recoñece Cendón, “parece que está un pouco afastada da filosofía, pero non o está tanto”. Esta, salientou, permitirá “preguntarnos desde a filosofía porque eliximos comer unhas cousas e non outras”, abordando desde un punto de vista antropolóxico, cultural ou histórico “un tema que está bastante vixente, como é a cuestión da alimentación”. Non en van, lembra Cendón, esta temática permite achegarse a cuestións ecolóxicas, dado que “cando eliximos un tipo de alimentación estamos tendo unha incidencia directa sobre o noso medio”, mais tamén afondar na “cuestión animalista”, falar de soberanía alimentaria ou reflexionar sobre a propia corporalidade. “Ao final, é por o foco sobre a nosa propia materialidade”, sinala Cendón, que incide en como unha cuestión que con frecuencia “pasamos con alto nunha sociedade do consumo e do espectáculo”, implica tamén reflexionar sobre "a vida, o noso corpo e o medio que nos secunda”.
Alén da colaboración da Universidade neste foro, o acordo asinado permitirá continuar coa colaboración da Aula Castelao de Filosofía coas xornadas Pensamento e Creación, que desenvolverán neste 2026 a súa sexta edición. Este evento, que combina relatorios e actividades culturais, contribúe tamén á “seguir difundindo a filosofía e o pensamento crítico entre a comunidade universitaria”, sinalou Lantarón. Con datas e temática pendentes de definir, estas xornadas, subliñou, xirarán novamente “arredor da creatividade, foco da nosa especialización como campus”.
