DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Francisco Martín asinaron este venres a renovación do convenio

A Universidade renova a súa unión coa Federación Galega de Baloncesto

Ambas entidades veñen colaborando en temas de arbitraxe, cursos, competicións de minibasket...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Reitor
  • Deportes
D. Besadío DUVI 25/01/2019

A Universidade de Vigo e a Federación Galega de Baloncesto renovaron este venres o acordo de colaboración entre ambas entidades, unha alianza estratéxica que lles ten permitido a organización conxunta de múltiples actividades. O reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da federación, Francisco Martín, foron os encargados de rubricar a renovación dun convenio do que admitiron sentirse “tremendamente orgullosos”.

“Quixera agradecerlle á Universidade e, máis concretamente ao seu reitor, as facilidades que nos deron para poder dispor dunha área deportiva e unhas pistas que a nós nos facilitan poder darlle máis cobertura á práctica deste deporte desde idades moi pequenas”, subliñou Martín, ao que Reigosa engadiu que, ademais do agradecemento á federación polos esforzos que está a levar a cabo na difusión deste deporte, este tipo de colaboracións son tamén un xeito de que os nenos e nenas de Vigo e as súas familias se acheguen ao campus e coñezan as súas instalacións. “Somos unha institución tremendamente comprometida coa difusión do deporte porque entendemos que é unha parte fundamental da formación dos cidadáns, polo que a nosa intención é seguir nesta liña, tanto con este como con outros deportes”, subliñou Reigosa.

Cursos de arbitraxe gratuítos para o alumnado universitario

O calendario de actividades previstas para este curso inclúe o compromiso de designación e formación dos equipos arbitrais para a competición universitaria. Un dos obxectivos básicos neste sentido é que os universitarios e universitarias formados nos diferentes cursos de iniciación á arbitraxe, totalmente gratuítos para o alumnado da Universidade, poidan realizar as súas prácticas e a súa formación arbitral nestes encontros e rematar dando o salto ás competicións federadas da FGB.

De especial interese para o alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é a aula permanente de promoción e formación de baloncesto e arbitraxe, a través da cal a FGB achegará recoñecidos profesionais con experiencia en alto nivel (adestradores, árbitros e técnicos), para fomentar o coñecemento e a formación nestas áreas.

Ao abeiro deste convenio a idea é organizar tamén de maneira periódica os denominados Clinics de Perfeccionamento para árbitros e oficiais de nivel medio/alto con participación de profesionais do deporte ou outras áreas relacionadas co mesmo e que poderían organizarse de forma conxunta coa Universidade e coa presenza do alumnado nas actividades programadas. Por outra banda, tamén se contempla a posta en marcha de diferentes competicións de minibasket, tanto masculinas como femininas.