DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade reúne a expertos internacionais para debater sobre a repercusión do mercado europeo de emisións de CO2

Analizan o seu impacto nas economías europeas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/11/2007

Dentro do Protocolo de Kyoto, a Unión Europea comprometeuse a reducir, globalmente, as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 8%, respecto aos niveis de 1990 para o período 2008-2012. Para acadar este obxectivo unha das medidas tomadas foi a creación do mercado europeo de dereitos de emisión, que regule o que contamina cada empresa.
Para estudar este mercado, o seu funcionamento e as súas expectativas, a Universidade organizou este venres unha xuntanza na que tomaron parte os investigadores máis relevantes que traballan neste campo.
Segundo explicou o Reitor, Alberto Gago, na apertura deste congreso, “trátase dunha iniciativa do grupo REDE (Research in economics, business and the environment) e representa unha boa mostra do compromiso da Universidade na busca de solucións para frear o cambio climático”.
Arredor deste iniciativa déronse cita representantes destacados deste campo procedentes de Irlanda, Estados Unidos, Francia, Holanda, Alemaña e Austria. Xunto con eles, a representación española corre a cargo de Pablo del Río, da Universidade de Castela-A Mancha, e o profesor da Universidade de Vigo e membro da organización, Miguel Rodríguez.
Baixo o título Expost analisys of the European Union Emission Trading Scheme, este congreso ten como finalidade analizar este mercado de emisións e estudar os seus efectos a nivel económico. Segundo Miguel Rodríguez, “tratamos de afondar nas súas repercusións sobre a economía no seu conxunto e nos sectores implicados en particular”. A gran novidade desta análise reside en que os investigadores contan con datos reais de cada empresa en particular e “mediante datos micro poderemos estudar os efectos deste mercado regulado”, subliña Rodríguez. Segundo o profesor do departamento de Economía Aplicada os sectores implicados neste mercado de emisión son principalmente “o da electricidade, o do cemento, o do papel, o dos produtos cerámicos e o da siderurxia”. En concreto, as aportacións destes investigadores tentan esclarecer os efectos reais do mercado europeo de emisións sobre cuestións que posteriormente afectarán ao conxunto da sociedade como son “o prezo da electricidade ou dos combustibles”.

As emisións deben reducirse un 8% para o período 2008-2012

O mercado europeo de emisións parte dunha regulación da Unión Europea que, segundo Miguel Rodríguez, “consiste en que cada país debe facer un esforzo para reducir as súas emisións”. Deste xiro tratarase de acadar unha diminución do 8% respecto aos datos de 1990 durante o período 2008-2012 segundo o Protocolo de Kioto. No caso concreto de España, o índice reducido de emisión en 1990 permítelle incrementar neste período un 15% e, con todo, acadar os obxectivos marcados por Kioto.
Para facelo, os Estados membros redistribuíron ese compromiso de redución mediante o Acordo de Reparto da Carga, polo que se establecen límites de emisión diferenciados para cada un dos países. Este mercado de dereitos de emisión comezou as súas operacións o 1 de xaneiro de 2005, sendo o máis importante xamais posto en práctica no mundo a nivel de empresas de distintos países e de distintos sectores.
Trátase dun réxime de que regula os límites e o comercio de emisións de dióxido de carbono (CO2) e que afecta a máis de 13.000 instalacións de determinados sectores industriais da UE.
O seu funcionamento aséntase nos plans nacionais que elabora cada país e que outorga a cada empresa, dos sectores máis contaminantes, unha certa cantidade de dereitos de emisión. Estes dereitos outórganse de xeito gratuíto, pero son negociables entre cada unha das empresas. É dicir, que as empresas cun índice de contaminación inferior ao previsto, poden vender os dereitos restantes a outras instalación. “Este mercado realízase sempre entre as propias empresas, pero non entre os países”, subliña o profesor Rodríguez, aínda que o intercambio pode realizarse a nivel internacional entre instalación dos países membros da Unión Europea.

A Universidade estudarán as emisión de CO2 nos campus

A pequena escala, a Universidade tamén avaliará as emisión que xeran os tres campus. En colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, analizarase a cantidade de CO2 que produce a vida universitaria en Vigo, Ourense e Pontevedra. Para facelo, calcularase o impacto dende a perspectiva do gasto de electricidade, de gasóleo, de auga ou de papel.A finalidade deste estudo é poñer en marcha as medidas pertinentes para reducir estas emisións.

En Máis Información pódese consultar o programa da xuntanza.