DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Rugby perde ante o líder pero despregando un xogo de alto nivel

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 29/10/2007

Na casa pero ante o líder da División de Honra B, o Universidade de Vigo de Rugby acadou esta fin de semana a súa terceira derrota. A experiencia e o saber estar dos madrileños do Liceo Francés foron determinantes para acabar o encontro cun contundente 19-30.
O equipo vigués despregou un xogo de alto nivel ao longo da primeira parte, chegando ao descanso cun 9-7. O Universidade resistiu as ofensivas do Liceo, destacando por riba de todo a actuación de Santiago Boulin, moi acertado nos tiros aos paus conseguindo 14 puntos.
As lesións volveron a facerse notar nos de Aníbal Babini. A 5 minutos do descanso, o colexiado sacoulle a tarxeta amarela a Gastón e Jose Mari tívose que retirar. Os dous reaparecían tralas súas lesións pero semella que sen estar completamente recuperados, xa que Gastón non puido volver ao xogo.
Durante a segunda metada, o Liceo Francés fíxose co partido dun xeito claro, cortando a defensa dos universitarios ata adiantarse 9-20. Nos últimos intres, os vigueses remontaron 19-20, pero dous novos ensaios dos madrileños nos últimos minutos fixeron que o encontro rematase sen sorpresas.
Xunto co xogo de pé de Santiago Boulin, tamén destacou a actuación dos veteranos Xosé no medio melé e Diego no terceira centro.
A vindeira fin de semana, por compromisos da selección española, non haberá competición ligueira.