DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra acolleu este venres a terceira edición da expo-feira ‘A ciencia que vén’

A Universidade sae á rúa para que afloren as vocacións científicas 

14 grupos de investigación presentaron, dun xeito divulgativo, as súas liñas de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 31/05/2024

Construír unha hélice de ADN con gominolas, aprender o que é a bioxeografía nun xogo de supervivencia, coñecer os diferentes organismos que viven nos solos nunha piscina de bolas ou observar dispositivos biomédicos e maquetas de pequenos satélites a escala real. Estas son algunhas das propostas que a Universidade de Vigo despregou este venres na praza de Ferraría de Pontevedra, na expo-feira A ciencia que vén, na que 14 grupos de investigación deron a coñecer as súas liñas de traballo a través de obradoiros e actividades dirixidas a un público familiar. Contribuír ao fomento de vocacións científicas entre as novas xeracións, así como achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador eran os obxectivos dun evento que arrancou pola mañá coa visita de preto de 150 escolares dos CEIP Froebel e Barcelos, abríndose pola tarde ao público xeral.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), esta feira insírese no programa anual de actividades 2023/2024 do plan de Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello. Despois de desenvolver en Vigo as súas primeiras edicións, a feira trasladábase neste 2024 a Pontevedra, onde era inaugurada na tarde deste venres por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra; Sandra Bastos, deputada provincial, e Demetrio Gómez, concelleiro de Educación.

Levar a Universidade á rúa e dar visibilidade ás investigadoras

“Para nós é unha oportunidade de que a Universidade de Vigo chegue á rúa, de que os nosos investigadores e investigadoras, dun xeito lúdico, ensinen o que fan”, sinalou Mónica Valderama, quen lembrou a importancia que esta iniciativa outorga a "dar visibilidade ás mulleres investigadoras, xa que historicamente moitas quedaron ocultas”. De aí que o lema desta edición fose o de Inflorescencia, nese obxectivo de contribuír “o florecemento” de vocacións científicas, “pensando en especial na presenza de mulleres investigadoras”.

Nas 14 carpas da feira, lembrou Belén Rubio, están representadas investigacións “do ámbito científico e tecnolóxico, como do humanístico”, permitindo achegarse “aos ámbitos do saber representados na Universidade”. A vicerreitora de investigación puxo así mesmo de relevo que se trata da primeira edición que se leva a cabo en Pontevedra, “onde temos o Campus Crea e un dos obxectivos do persoal investigador é crear cousas novas”, o que á súa vez levouna a pór de relevo o valor “de que a sociedade saiba da importancia da investigación”, outro dos obxectivos dunha feira nas que están representados, lembrou, os centros de investigación Cintecx, atlanTTic, CINBIO, CIM. 

As autoridades participantes nesta inauguración salientaron a colaboración entre institucións que fixo posible un evento “que trata de fomentar ese labor investigador imprescindible para que o noso país avance”, como lembrou Gómez, e que contribúe “a que as nosas mozas e mulleres se acheguen á ciencia”, como engadiu Bastos. 

Propostas divulgativas e lúdicas para todos os públicos 

Con actividades dirixidas tanto á infancia e mocidade como a un público familiar, estas 14 carpas permitiron visualizar o ADN a partir dun anaco de plátano, nun taller do grupo de investigación en Filoxenómica do CINBIO; ou adquirir nocións básicas de lingua de signos española e coñecer o contexto social e cultural da comunidade xorda, da man do grupo Griles. As e os visitantes puideron tamén sintetizar partículas nanovalentes de ferro con té negro e achegarse á súa utilización para a degradación de contaminantes, co grupo Biosuv; mentres que o Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintexc convidounos a localizar puntos quentes e fríos ou perdas enerxéticas cunha cámara termográfica. 

Combinando divulgación e diversión, propostas como as do Mapas Lab permitiron a nenos e nenas achegarse á paleontoloxía pintando réplicas de fósiles e coñecer a bioxeografía converténdose nun animal nun xogo de supervivencia. O Grupo de Ecoloxía Animal buscou que coñecesen a biodiversidade do solo a través dunha piscina de bolas, mentres que o Post-Growth Inovation Lab animou ás e aos participantes a crear pezas artísticas que promovesen a concienciación ambiental e o grupo XB2 do CIM levounos a crear unha dobre hélice de AND con gominolas. A ciencia que vén permitiu tamén observar exposicións de biomateriais e dispositivos biomédicos, no posto do Grupo de Novos Materiais do Cintecx, e maquetas a escala real que permitían coñecer os subsistemas internos dun satéllite, da man do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic.

Os diferentes postos permitiron así mesmo dar a coñecer liñas e proxectos de investigación como Agrosus, do grupo BEV1, que propuña unha viaxe interactiva a través das 11 rexións bioxeográficas de Europa, na que coñecer estratexias ecolóxicas que permitan acadar unha agricultura sostible, complementada por actividades como un taller de sementeira de trigo. O grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, do Cintexc, mostrou un software para o procesamento de datos obtidos cun láser escáner centrado na monitorización do transporte, unha ferramenta para o seguimento da saúde de infraestruras históricas e un proxecto sobre ferramentas avanzadas de dixitalización para a planificación integrada de construcións ao final da súa vida útil. Con esa mesma idea, o grupo BiotecnIA promoveu actividades centradas en dúas liñas de investigación, o aproveitamento de residuos industriais e a obtención de produtos de alto valor a partir de insectos comestibles.

Así mesmo, xunto á información da UCC e da Unidade de Igualdade da UVigo, outra das carpas acollía tamén un panel informativo do estudo sobre as flutuacións demográficas de Pontevedra desde finais do século XX ata a actualidade e as proxeccións prospectivas de cara a 2100, do grupo HC1. Por outra banda, o espazo central do recinto desenvolvéronse tamén unha serie de coloquios ao longo da tarde, que arrancaron cunha presentación do libro Quero ser investigadora 4, moderada por Valderrama, seguida dunha conversa centrada no Minidicionario de xustiza social, a cargo dos grupos GETS-IT e Post-Growth Innovation Lab. Por último, a actividade completouse co coloquio  A alimentación do futuro? O papel dos insectos na industria alimentaria, a cargo de Nuno Muñoz, do grupo BiotecnIA.