DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do convenio marco asinado este xoves na sede da Vicerreitoría

Universidade e Secretaría Xeral para o Deporte buscan potenciar novas vías de cooperación

Nos ámbitos da investigación, cesión de instalacións ou asesoramento a deportistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Institucional
DUVI Pontevedra 05/12/2019

O desenvolvemento de proxectos de investigación, o asesoramento e seguimento de deportistas, a organización de actividades académicas ou deportivas e a cesión de instalacións son algúns dos ámbitos nos que a Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia buscan abrir novas vías de colaboración a través do convenio marco asinado este xoves na sede da Vicerreitoría do campus. Dirixido a servir como marco para o desenvolvemento de actuacións que redunden no beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria, o acordo foi asinado, por delegación do reitor, Manuel Reigosa, polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

Entre os ámbitos de cooperación recollidos no convenio figura o intercambio de espazos entre as dúas institucións, nomeadamente as instalacións do campus pontevedrés e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Tamén a colaboración en proxectos de investigación, o intercambio de estudos e publicacións vinculadas ao deporte e a educación física, a organización de actividades e o apoio a estudantes no desenvolvemento de prácticas curriculares ou profesionais. Entre os ámbitos de colaboración sinalados figura así mesmo o asesoramento e apoio en materia de planificación, seguimento e control do adestramento, tanto físico como psicolóxico, para os deportistas do CGTD. 

O primeiro paso para xerar sinerxías

Como unha liña de colaboración “moi importante, non só para o campus, senón tamén para Pontevedra” definiu Soto este acordo de colaboración. O vicerreitor destacou así mesmo que para “o único Green Campus de España”, contar “con socios estratéxicos” como a Secretaría Xeral para o Deporte “é moi importante” de cara a conseguir unha “maior proxección internacional”. Lete, pola súa banda, puxo de relevo que a presenza en Pontevedra dun centro deportivo “de altísimo nivel” e do “coñecemento e capacidades” da institución académica “fan obrigatorio xerar sinerxías”, de tal xeito que o convenio constitúe un “primeiro paso” para dar “un salto de calidade” en ámbitos como "o desenvolvemento de investigacións, o seguimento dos deportistas ou o apoio aos adestradores”. O representante da Xunta subliñou tamén a importancia que o sistema universitario galego ten para o deporte de Galicia e manifestou a súa plena confianza nas tres universidades galegas para “confeccionar unha gran rede de institucións, administracións, entidades e persoas que contribúan á mellora do deporte galego achegando toda a súa traxectoria e experiencia no eido deportivo”.

Cunha duración de catro anos, no convenio establécese tamén  a creación dunha comisión mixta con representantes das dúas institucións, responsables da planificación, concreción, seguimento e avaliación das accións derivadas deste acordo marco e dos convenios específicos que, a raíz deste, poidan subscribirse.