DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do acordo asinado nesta xornada na Vicerreitoría do campus

Universidade e Semana Galega de Filosofía renovan a súa colaboración

Terá lugar en abril, cos discursos non hexemónicos como eixo temático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/02/2022

Baixo o título de Filosofía e Contrahexemonías, Pontevedra acollerá entre o 18 e o 22 de abril a 38 edición da Semana Galega de Filosofía que, un ano máis, contará coa colaboración da Universidade de Vigo. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, asinaron este mércores o anexo ao acordo marco de colaboración que, desde 1996, a institución académica mantén con esta Semana Galega de Filosofía. “Os temas que se abordan na Semana Galega de Filosofía complementan absolutamente a formación dun universitario. Por iso é tan importante para nós seguir mantendo esta colaboración, como institución académica que ten no saber e na confrontación de ideas o seu máximo expoñente”, salientou Soto tras a sinatura deste acordo, que contempla a organización de actividades no campus no marco desta semana. 

“Pensamos que é importante para este campus e para o conxunto da comunidade universitaria e non temos outra forma de recoñecer o seu labor que colaborar, na medida do posible, para que ano tras ano esta Semana Galega de Filosofía salga adiante”, engadiu Soto nun encontro no que participou tamén a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. “Para nós é unha colaboración moi importante e queremos convidar a toda a comunidade do campus a que participe no desenvolvemento da semana”, sinalou Cendón. Este acordo contempla tamén, ao igual que en anteriores edicións, a organización de actividades como conferencias que poidan levar ao campus a algún dos relatores ou relatoras participantes na Semana Galega de Filosofía. “Para nós é unha formación básica, porque é importante que os graduados e graduadas que saian das facultades teñan esa capacidade de ver o mundo con outros ollos, que teñan unha visión crítica sobre aquilo que lles rodea”, engadiu Soto.

Discursos alternativos ao “pensamento único”

O programa desta XXXVIII Semana Galega de Filosofía, que se presentará nas próximas semanas, articúlase en torno a esa idea da “contrahexemonía” co propósito, como explicou Cendón, de “tratar de darlle voz a eses discursos e prácticas que son diferentes, opostas ou contrarias ás establecidas ou comunmente aceptadas desde os diferentes poderes que hai na sociedade, tanto políticos, como económicos ou culturais”. Nese senso, o presidente da Aula Castelao incidiu en que fronte á idea dun “pensamento único”, existen “prácticas, discursos e teorías diferentes ás que proveñen desas esferas de poder” e ás que este evento tratará de dar visibilidade, “porque pensamos que son necesarios e interesantes e porque nos obrigan a pensar e repensar”. Farao ao longo dunha semana de conferencias que, como explicou, poderán seguirse tanto de xeito presencial como a través da súa retransmisión en vídeo, un formato implantado por primeira vez o pasado ano por mor da pandemia.