O conselleiro de Sanidade e o reitor presentaron a nova campaña de ADOS
Universidade e Sergas convidan á comunidade universitaria a subirse ao bus da solidariedade e doar sangue
Desde que se iniciaron as campañas a UVigo rexistrou preto de 67.000 doazóns
Co reto de superar as 4300 doazóns do curso pasado, arranca unha nova campaña da Axencia Galega de Doazón de Sangue, ADOS, e faino da man do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López. O tres visitaron este martes a unidade móbil que durante hoxe e mañá estará instalada diante de Escola de Enxeñaría de Telecomunicación no arranque da nova edición da campaña universitaria de doazón Non perdas este bus. Doa sangue para o curso 2025-2026.
O titular de Sanidade destacou que o ano pasado a Universidade de Vigo acadou 1378 doazóns, rexistrado un total de 370 novos doantes. En concreto, o campus de Vigo contabilizou un total de 765 doazóns, seguido polo de Ourense con 309, e o de Pontevedra con 304. Así mesmo, durante as últimas tres décadas, as campañas solidarias realizadas na Universidade de Vigo rexistraron un total de 66.918 doazóns. “Estas cifras falan dunha comunidade comprometida e disposta a mobilizarse para salvar vidas”, referiu Gómez Caamaño, destacando o incremento de mozos e mozas que se animaron a doar durante o curso 2024/2025. “Quero convidar á comunidade universitaria da UVigo a seguir incrementando as doazóns de sangue,“ apuntou o responsable de Sanidade, lembrando que o obxectivo da Xunta é chegar ás 4500 doazóns entre as tres universidades de Galicia.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, fixo fincapé en que se trata dunha campaña “que sempre ten moito éxito nas nosas facultades e escolas, xa que todo o mundo é plenamente consciente da importancia que ten a doazón de sangue para a saúde pública”, explicou o reitor vigués, quen admitiu sentirse “moi orgulloso e agradecido” con todas as persoas que doan. “Pola miña banda, animo a todo o mundo a doar porque isto é importante para o futuro da sociedade”, engadiu Reigosa, quen se amosou “encantado” de que a nova campaña de doazón arranque na UVigo coa presenza do conselleiro.
A polas 4500 doazóns
O curso pasado as visitas aos 7 campus galegos conseguiron sumar máis de 4300 doazóns, das que 1317 foron de novos doantes (30 % do total).
Esta nova campaña desenvolverase en dúas fases, a primeira de setembro a novembro e, a segunda, de febreiro a abril. Para levala a cabo, ADOS conta cos equipos de hemodoazón integrados por 106 profesionais, entre persoal médico, de enfermería, de coidados auxiliares e condutores, o que fai posible que este proceso se realice sempre en condicións de máxima seguridade e comodidade.
Mañá mércores en Vigo e pasado en Pontevedra
Mañá mércores a unidade móbil permanecerá diante da EE de Telecomunicación co mesmo horario, de 09.30 h a 14.30 horas mentres que o xoves se trasladará ao campus de Pontevedra, concretamente ás inmediacións da EE Forestal, onde estará disponible de 09.30-14.30 e de 15.30-21.00 horas.
