DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 13 de decembro haberá oito puntos de entrega no campus de Vigo e un no de Pontevedra

A Universidade súmase un ano máis á campaña 'Cada niño, un juguete'

Ademais de xoguetes, tamén se recollen xogos de mesa, puzzles, peluches ou libros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 04/12/2019

A Universidade de Vigo súmase, por sexto ano consecutivo, á campaña ‘Cada niño, un juguete’, unha iniciativa cuxo obxectivo é que ningunha nena ou neno quede sen agasallos nestas datas de Nadal. Trátase de que as cativas e cativos de familias en situacións socioeconómicas precarias tamén reciban un regalo, ao tempo que aqueles que entregan os seus xoguetes se dean conta da importancia do xesto e sexan conscientes do que iso significa. O único requisito é que os xoguetes, xogos de mesa, puzzles, peluches ou libros estean en bo estado de conservación, non sexan de carácter bélico nin sexista e sexan entregados sen envolver. 

Este ano, a cidade de Vigo conta con 31 puntos de recollida dos cales oito están no campus de Vigo e un máis no de Pontevedra. A comunidade universitaria pode facer entrega dos xoguetes na cafetaría Lamarita da Cidade Universitaria, na Residencia Universitaria, na Biblioteca Central, no edificio Exeria, no Edificio de Ciencias Experimentais, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e na EU de Estudos Empresariais en Torrecedeira. No campus de Pontevedra o punto de recollida sitúase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O prazo para a entrega está aberto dende o 29 de novembro e pechará o vindeiro 13 de decembro.

Toda axuda é ben recibida

Todo tipo de axuda é benvida e dende a organización agradecen tamén a participación de voluntarios que queiran colaborar ordenando xoguetes, separándoos por idades etc. todo isto no local que este ano se atopa na Avenida de Samil. O obxectivo é superar o número de agasallos recollidos o pasado ano e que sumaron un total de 7598 en toda a cidade de Vigo. Unha vez finalizada a entrega, os diferentes xogos enviaranse a colectivos e asociacións para o seu reparto.