DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha serie de actividades inseridas nas Xornadas Interactivas promovidas polo Concello

A Universidade súmase á conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores

O luns 26 terá lugar no campus unha mesa redonda sobre o PUM e unha visita ao arboreto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/09/2022

Co gallo da conmemoración, o sábado 1 de outubro, do Día Internacional das Persoas Maiores, a Concellería de Benestar Social impulsa a primeira edición dunhas “xornadas interactivas”, que promoven coa colaboración de diferentes institucións e colectivos, entre os que se atopa a Universidade de Vigo, a través do seu Programa Universitario de Maiores (PUM). Entre o 24 de setembro e o 1 de outubro desenvolveranse en diferentes puntos da cidade unha serie de conferencias, obradoiros, proxeccións de cine e actuacións, entre as que se atopan as iniciativas que o PUM promove na tarde do luns 26 no campus. Nesta xornada, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá unha serie de coloquios dirixidos a dar a coñecer o Programa de Maiores da man dos seus estudantes e docentes, así como unha visita guiada ao arboreto do campus.

O programa destas I Xornadas Interactivas das Persoas Maiores presentouse este martes no Concello, nun acto no que os concelleiros de Benestar Social, Marcos Rey, e Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, estiveron acompañados por representantes das diferentes entidades colaboradoras. Deseñadas coa colaboración do PUM, da UNED e do Espazo +60 de Afundación, as xornadas contaron tamén coa colaboración da asociación de familiares de enfermos de alzhéimer Afapo, o Banco de Alimentos, a Residencia de Maiores de Campolongo, a Asociación de Amigos do Camiño Portugués, o colectivo Inzar, a asociación cultural Máis Cantos e o artista Nelson Quinteiro. “Estas I Xornadas Interactivas pretenden converterse nun punto de encontro para as persoas maiores da nosa cidade, presentando nesta ocasión os programas que o mundo universitario ten a disposición desta poboación e o labor de entidades sociais”, sinalou Puentes nesta rolda de prensa, na que a coordinadora do PUM no campus, Ana Acuña, salientou o positivo desta iniciativa “para dar a coñecer o que facemos”, á vez que para “coñecer outras entidades e asociacións”. 

Diferentes perspectivas sobre o PUM

A programación destas xornadas arrancará o sábado 24, na residencia de Campolongo coa proxección do filme Arrugas e pecharase o 1 de outubro coa lectura dun manifesto, elaborado coas ideas que se vaian recollendo nun mural instalado nas diferentes entidades colaboradoras ao longo da semana. A actividade promovida polo PUM terá lugar o luns 26 entre as 17.00 e as 19.30 horas e comprenderá tanto unha presentación deste programa por parte da súa coordinadora, como outra dedicada a unha das entidades colaboradoras nas xornadas, o Banco de Alimentos. Previamente, o acto guiado polos estudantes sénior José María Fernández e Conchi Mumary abrirase cunha mesa titulada O campus camiña cos e coas Maiores, que ten como obxectivo amosar como o profesorado “acompaña a nivel educativo” ao alumnado do PUM a través das intervencións de docentes tanto do nivel intensivo, o deseñado especificamente para este colectivo, como do integrado, no que comparten materias con estudantes de grao, Coa idea de afondar tamén en como esta formación abrangue diferentes ámbitos de coñecemento, do artístico ao sanitario e científico, esta mesa contará coas intervencións dos docentes Luz Pérez Costas, Juan Carlos Román, Adolfo Cordero, Marco Lucato, Francisca Fariña e Celso Cancela. Do mesmo xeito, a xornada tamén se achegará ao labor que leva a cabo o propio alumnado, da man de Miguel Yebra, quen presentará a revista Gaudeamus e a radio online Ponte na Onda, impulsadas polo alumnado sénior ao abeiro da asociación Asaexs.

A xornada contará tamén cunha "sorpresa musical", como adianta Acuña, e completarase cunha visita ao arboreto do campus, na que exercerá como guía a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Eugenia López de Silanes. “Con todo isto pretendemos mostrar as posibilidades formativas, educativas e culturais do campus, que están abertas a toda a cidadanía”, conclúe a coordinadora do PUM, que pon de relevo a implicación con esta iniciativa tanto de Asaexs, como do anterior coordinador do programa no campus, o profesor Iván Martínez. 

Todas as actividades destas Xornadas Interactivas contarán con acceso libre ata completar aforo, con preferencia para as persoas que se preinscriban a través dun formulario web.