DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores o reitor recibiu unha nova quenda de alumnado de intercambio internacional

A Universidade supera por primeira vez a barreira dos 700 estudantes estranxeiros

Os actos de benvida estenderanse durante varios días, cunha comida de confraternidade e excursións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Reitor
  • Estudantes
M. Del Río e A. Proupín DUVI 23/01/2019

Por primeira vez na súa historia, a Universidade de Vigo supera a barreira dos 700 estudantes estranxeiros. Ao longo deste curso a institución académica acolle 713 alumnos e alumnas de programas de intercambio procedentes de 41 países de catro continentes. Este mércores, o reitor Manuel Reigosa deulles a benvida a todos os que chegan para completar os seus estudos no segundo cuadrimestre, aos que se suman os que elixiron facelo no primeiro e os que optaron por quedarse durante todo o curso. A todos eles e elas o reitor explicoulles que a Universidade que os recibe é unha institución “nova pero moi ben posicionada nos ránkings internacionais e con gran proxección internacional, situada nun confín do continente europeo”. Ademais animounos a coñecerse, “nos vos limitedes a relacionarvos con outros alumnos do mesmo país, porque seguramente aquí faredes amigos de moitas partes do mundo e para toda a vida; agardamos que vos integredes e que compartades esta experiencia”. 

Unha cifra histórica

A cifra de alumnado estranxeiro de intercambio deste curso é “histórica para a institución”, que nos últimos anos vén sumando máximos históricos no que a mobilidade se refire e constatando o seu potencial dende o punto da internacionalización, como recoñecían tanto o reitor como a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval. Dos 713 estudantes que a Universidade recibe este 2018/2019, 116 quedan durante todo o curso, 328 estiveron no primeiro cuadrimestre e 269 chegan no segundo. As mulleres son clara maioría, 460 mozas e 253 mozos e Vigo segue sendo o campus máis internacional, con 571 alumnos e alumnas, seguido de Pontevedra con 76 e Ourense con 64. Por países, Italia consolídase como o país con máis representación, con 109 mozos e mozas, seguido de Alemaña con 83, Francia con 65 e México tamén con 65. En total, 41 nacionalidades principalmente de Europa, pero cada vez con máis presenza de estudantes do continente americano, sobre todo de México e Brasil. Tamén os países asiáticos teñen presenza neste grupo multicultural, con 12 chineses ou 16 de Corea do Sur. Turquía, con 27 estudantes, é outro dos países que cada vez ten máis presenza nos campus da UVigo, xunto coa destacada cifra de 10 alumnos de Kazaxistán. A maior parte chegan á Universidade grazas ao programa Erasmus (459) ou a convenios bilaterais (173), aos que se suman o programa Erasmus +K107, Erasmus+ Prácticas, ISOP, Mujeres por África, etc. 

O obxectivo: a integración na vida académica e social dos campus

Para que este amplo grupo que se divide entre os tres campus se integre, coñeza e viva a realidade de Vigo, Ourense e Pontevedra, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación deseñou un programa de actos e eventos de varios días de duración pensado para que as novas e novos estudantes se coñezan entre eles, coñezan a institución e as contornas próximas dos campus. “O que pretendemos con este novo enfoque dos actos de benvida é fomentar a integración co alumnado propio, que se mesturen e coñezan xente e que tamén coñezan o que ofrece o sur de Galicia”, subliña a vicerreitora, Maria Isabel Doval. Para isto, estase a deseñar un programa de visitas e actividades, como excursións ás illas Cíes, Baiona, ás termas de Ourense, Combarro, Allariz ou ás lonxas de Vigo e Marín. De feito, tras o acto institucional de recepción e despois de coñecer a oferta deportiva, formativa e cultural da Universidade, os estudantes puideron gozar dunha comida de confraternidade no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e xa pola tarde, dunha visita guiada polo campus de Vigo da man de estudantes da Universidade que exerceron de cicerones. 

Ademais, a vicerreitora foi a encargada de presentarlles a institución, os seus campus, centros e titulacións, o seu labor de investigación e transferencia e toda a oferta de actividades complementarias que poderán realizar durante toda a estadía, así como as principais características da contorna natural e cultural de Galicia. “A nosa costa é moi diferente que a do resto de España”, explicaba, animándoos a coñecer as praias, rías e vilas galegas e a participar en todas as actividades que se ofertan, dende deportes, a cultura, música, idiomas, voluntariado, etc.

Un boca a boca que atrae a alumnado internacional ao campus de Vigo

Dos 571 estudantes estranxeiros que elixiron o campus de Vigo para completar os seus estudos, 93 optaron por facelo ao longo do curso, 263 no primeiro cuadrimestre e 215 no segundo. A maioría deles elixiron a Facultade de Filoloxía e Tradución (206), que un ano máis é o centro que máis foráneos acolle e, tras el, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 117, e a Escola de Enxeñaría Industrial, con 89. No que se refire á procedencia, mantense o esquema global da Universidade, sendo maioría italianos e alemáns, seguidos de polacos e franceses.

Á hora de escoller Vigo como destino, moitos destes estudantes sinalan como un dos motivos de peso a experiencia previa das súas amizades. Este é o caso da alumna de Lingua e Literatura Inglesa Park Sun Young, procedente de Corea do Sur, que explica que “houbo xente da miña carreira que fixo unha estadía aquí e recomendoume a cidade, moi acolledora e bonita no seu conxunto”. Un caso similar é o de Jesús Barga e Alejandro Colino, estudantes de Contabilidade en México, que queren aproveitar o programa de mobilidade para “coñecer Europa, novas culturas, diferentes costumes e outros métodos de ensinanza”, pero recoñecen que elixiron Vigo porque “tiñamos unha amiga que viu estudar aquí, quedou encantada e para nós é máis fácil a estadía se temos alguén que nos poida resolver as dúbidas”. Ademais, engaden que outro requisito na súa elección era a contorna natural, e Barga amósase abraiado “porque non coñecía ningún lugar en México no que houbera praia e montaña á vez, algo estraño pero bonito”. Precisamente, son as praias outro dos motivos máis citados polos estudantes internacionais, como por exemplo o alemán Theodor Bauer, alumno de Enxeñaría Civil, que admite que “buscaba un destino no que puidera practicar surf”, ou a alumna eslovaca de Economía Linda Mohammadová que explica que ademais dos areais, tamén lle axudou a decantarse a información que atopou na web da Universidade, “encantoume o que vin nela”. 

Os actos de benvida continuarán mañá xoves no Edificio de Ferro en Ourense e o venres en Pontevedra, na Casa das Campás, ambos ás 10.30 horas.