Promovido por OdiseIA co apoio de Google.org e a Fundación Pablo VI, terá lugar en febreiro
A Universidade únese ao hackathon OdiseIA4Good co obxectivo de impulsar unha intelixencia artificial con impacto social real
A súa incorporación permitirá reforzar o vínculo entre academia, tecnoloxía e acción social
A intelixencia artificial volve situarse ao servizo do ben común cunha nova edición do hackathon internacional OdiseIA4Good 2026, que terá lugar do 23 ao 25 de febreiro de 2026 no Espazo Pablo VI (Madrid). A este evento, impulsado por OdiseIA – Observatorio do Impacto Ético e Social da Intelixencia Artificial – co respaldo de Google.org e a Fundación Pablo VI, súmase este ano a Universidade de Vigo, que se incorpora como socio académico para fortalecer o ecosistema de coñecemento e responsabilidade tecnolóxica que define esta iniciativa.
OdiseIA4Good consolídase así como o primeiro hackathon internacional do seu tipo, reunindo persoas emprendedoras, persoal investigador, estudantado, empresas tecnolóxicas, entidades sociais e administracións públicas arredor do mesmo reto de usar a intelixencia artificial como motor de transformación social positiva. Como explica Idoia Salazar, presidenta de OdiseIA, "OdiseIA4Good naceu para demostrar que a intelixencia artificial pode e debe ser unha ferramenta para o ben común. Queremos fomentar unha IA que non só sexa avanzada, senón tamén xusta, humana e transformadora". Na mesma liña, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, destaca que este evento permitirá “poñer ao servizo da sociedade o uso da tecnoloxía” e anima a todo o estudantado da UVigo que teña coñecementos no eido desta convocatoria “a que se inscriba representando á nosa institución”.
Tras o éxito da súa edición anterior —que reuniu máis de 300 participantes e 30 equipos de 20 países—OdiseIA4Good converteuse nun referente internacional en innovación social e tecnolóxica e coa incorporación da UVigo, a organización reforza o seu ecosistema académico e espera superar a cifra de proxectos presentados, conectando talento global con desafíos sociais locais.
Un reto tecnolóxico con impacto humano
Os participantes neste hackathon deberán deseñar solucións de IA dirixidas a algún dos cinco colectivos vulnerables definidos polo programa: persoas maiores; infancia, adolescencia e mozos e mozas en situación de risco; persoas con discapacidade; inmigrantes e persoas refuxiadas e comunidades afectadas polo cambio climático ou catástrofes naturais.
As propostas poderanse presentar de maneira individual ou en equipos de ata oito integrantes e deberán demostrar innovación, aplicabilidade e un impacto social medible. Os proxectos finalistas serán seleccionados por un xurado multidisciplinar e participarán nunha gran final presencial de tres xornadas intensivas, na que traballarán xunto a mentores expertos, entidades do terceiro sector e representantes institucionais.
Durante a gran final, os equipos desenvolverán e perfeccionarán os seus prototipos, participarán en obradoiros especializados e presentarán a súa proposta ante o xurado a través dun ‘elevator pitch’. Os proxectos gañadores recibirán premios orientados ao desenvolvemento da súa solución, como mentorías, incubación, apoio técnico ou créditos tecnolóxicos, ademais de visibilidade internacional.
A inscrición está aberta ata o 20 de xaneiro de 2026
OdiseIA4Good 2026 articúlase en tres fases. A primeira é a convocatoria de proxectos, aberta dende o 1 de outubro de 2025 ao 20 de xaneiro de 2026, a través da web www.odiseia4good.org. Unha vez rexistrados xa se poderá empezar a traballar no contexto do hackathon e asistir aos workshops virtuais. A segunda fase é a de preparación de finalistas, con mentorías e sesións virtuais entre o 26 de xaneiro e o 22 de febreiro. O proceso rematará coa gran final presencial, que se celebrará do 23 ao 25 de febreiro, no Espazo Pablo VI de Madrid.
A edición 2026 incorpora ademais a modalidade OdiseIA4Good Connect, que permitirá a participación de equipos internacionais fóra de Europa de forma virtual, garantindo un alcance verdadeiramente global.
Quen pode participar en OdiseIA4Good?
O hackathon OdiseIA4Good está aberto a todas as persoas (maiores de idade) e organizacións comprometidas co uso da intelixencia artificial para xerar impacto social positivo en colectivos vulnerables. Deste xeito, poden concorrer a esta cita estudantes universitarios de diversas disciplinas; persoas emprendedoras e startups do sector tecnolóxico e/ou social; profesionais, consultores e expertos e expertas do sector tecnolóxico e/ou social; organizacións sen ánimo de lucro, asociacións e entidades do terceiro sector; persoal investigador, científico e académico; administracións públicas e organismos gubernamentais e empresas comprometidas coa innovación e o ben social.
