DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun relatorio o día 28 de man de Remedios Melero, investigadora do CSIC

Unha semana para fomentar o acceso aberto na Universidade

Presentaranse dous informes sobre as publicacións científicas da UVigo nesta modalidade accesible

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/10/2021

O movemento Acceso Aberto, ou Open Access, leva xa máis de 20 anos promovendo a ciencia en aberto, é dicir, o acceso libre e de balde á información científica dispoñible en liña, permitindo a reutilización legal deses contidos e garantindo o dereito dos autores a ser recoñecidos e citados. A Universidade de Vigo está institucionalmente implicada con este obxectivo, tal e como se recolle na Política institucional de acceso aberto á produción científica da Universidade de Vigo e no Plan estratéxico 2021-2026 e como se plasma, por exemplo, no repositorio institucional Investigo, que reúne a produción científica da institución académica viguesa nun espazo de acceso aberto. Para seguir fomentando esta visión, a UVigo únese tamén á celebración da Semana do Acceso Aberto, que neste 2021 se desenvolve entre o 25 e o 31 de outubro en todo o mundo baixo o lema Importa como abrimos o coñecemento: construíndo a equidade estrutural. Para esta efeméride, a Biblioteca Universitaria, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, deseñou un programa de actividades que comprende un seminario en liña, obradoiros para o persoal investigador e a publicación de dous informes nos que se analiza o uso desta modalidade accesible na institución académica.

Relatorio de Remedios Melero

A actividade central desta Semana do Acceso Aberto é o seminario web Escalada cara aos datos de investigación en aberto, que o día 28 impartirá Remedios Melero, investigadora do Instituto de Agroquímica y Tecnología de Alimentos, do CSIC. É editora da revista científica Food Science and International Technologye do Directory of Open Access Journalas (DOAJ), ademais de coordinadora do grupo de traballo español de Acceso Abierto a la Ciencia socia no proxecto Foster+ para a promoción das políticas europeas en materia de open science. No seu relatorio tratará de explicar que se entende por datos de investigación, que significa compartir datos e como facelo e analizará algunhas das reticencias que existen entre a comunidade científica á hora dea compartir os datos de investigación, así como as políticas institucionais postas en marcha neste eido.

Segundo Melero, o acceso aberto experimentou “unha evolución sostida” ao longo dos seus 20 anos de historia, dende que en 2002 se emitiu a Declaración de Budapest, “referente internacional en establecer a definición, as rutas para acadar o acceso aberto e os obxectivos trazados para conseguilo”. Esta evolución, considera a experta, debeuse a varios factores. Por unha banda, á creación de infraestruturas como repositorios institucionais e plataformas abertas, pero tamén á “aparición de repositorios de pre-prints en todas as disciplinas e ás políticas institucionais, gubernamentais e das axencias financiadoras de proxectos que tiveron en conta o acceso aberto na toma de decisións”. Entre elas, Melero destaca a Comisión Europea, que ten impulsado este movemento dende o Sétimo Programa Marco, e outros organismos institucionais como a Unesco, a OCDE ou a OMS, “que avogan polo acceso aberto e, en termos máis globais, pola ciencia aberta como vía para o crecemento, o desenvolvemento e a innovación, onde o coñecemento sexa un ben común accesible e libre de barreiras”. 

O relatorio poderá seguirse a través de Campus Remoto (UVigoTV-Sala 1) e o acceso é libre ata completar a capacidade da sala.

Obradoiros para o PDI

Ao longo desa semana, do 25 ao 31, tamén se desenvolverá o obradoiro Pensa en verde! como depositar os teus traballos no repositorio Investigo, que ten como obxectivo familiarizar o persoal investigador da UVigo coa vía verde, coñecida tamén como vía de autoarquivo, que consiste en depositar nun repositorio de acceso aberto os traballos previamente publicados. Explicaranse na práctica os pasos para depositar traballos no repositorio institucional Investigo e as vantaxes que isto supón para compartir e visibilizar a produción científica ao tempo que se cumpre coas políticas e os mandatos de acceso aberto. O taller será impartido por Carmen Barros, responsable do repositorio institucional Investigo e oferta tres datas: o 26 de outubro de 10.00h a 11.30 h. no edificio Miralles; o 27 no mesmo horario na Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense e o 29 tamén de 10.00 h a 11.30 h na Facultade de Fisioterapia, en Pontevedra. A inscrición realizarase a través de referencia@uvigo.gal

Ademais, coincidindo con esta celebración, tamén se presentará o informe As publicacións científicas da Universidade de Vigo en acceso aberto e o Boletín Impacto nº 11 que tamén analizará as publicacións da Universidade de Vigo en acceso aberto.